Todas as candidaturas

Anas Aremeyaw Anas

Candidatura na edición do ano 2016

Anas Aremeyaw Anas

Anas Aremeyaw Anas (1970) é un reporteiro de investigación ghanés que realiza desde hai máis de 10 anos reportaxes sobre dereitos humanos, utilizando o seu anonimato como ferramenta de investigación. Poucas persoas viran o seu rostro até que o revelou nunha entrevista da BBC en novembro do 2015. 

O método de Aremeyaw é peculiar: disfrázase e infíltrase para gravar vídeos e conversacións. No seu currículo figura destapar abusos en orfanatos ou subornos a policías no mundo da prostitución. O seu traballo revelou como funcionaban dúas redes de trata de persoas, o que provocou varias detencións e o rescate de 17 nixerianas. A súa última investigación, que durou preto de dous anos, propiciou que o Consello Xudicial de Ghana suspendera a 34 xuíces por presunta vinculación cun escándalo de corrupción. 

Nas súas propias palabras, "o meu traballo é pór nome ás cousas que os gobernos ou as persoas corruptas tratan de esconder" e está convencido de que non só en África, "en todos os sitios tratan de calar á prensa, os gobernos tratan de manipular a verdade, pechar os ollos ante as dificultades". Fronte a iso, sosten que "a nosa mellor arma son as evidencias, asegurarte de que tes certezas que os van pór nunha situación incómoda, desde a que non poderán calarte".

Os seus traballos valéronlle prestixiosos recoñecementos, como o Lorenzo Natali de Xornalismo 2009, creado pola Comisión Europea en 1992 para promover o xornalismo de compromiso e calidade. Tamén foi galardoado por institucións como a Asociación de Xornalistas de Ghana ou prestixiosas cadeas como a CNN. Na primeira viaxe de Obama á África subsahariana, o presidente norteamericano eloxiou ao "valente" xornalista, e púxoo como un exemplo do que as democracias e o respecto dunha prensa libre poden producir. 

Na actualidade traballa para o diario independente ghanés The New Crusading Guide, pero a súa carreira abarcou tanto radio como prensa e televisión, exercendo de reporteiro, copresentador, columnista e correspondente, o que lle outorgou unha ampla experiencia en medios. 

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.