Todas as candidaturas

Carole Cadwalladr​

O período de votación desta edición xa rematou

Carole Cadwalladr​ (Taunton, 1969), xornalista de The Guardian e do seu dominical, The Observer, comezou en 2016 unha investigación que acabou desenmascarando o escándalo de Cambridge Analytica, a maior filtración de datos persoais de Facebook, para influír nos votantes de Estados Unidos nas eleccións presidenciais de 2016. Segue sometida a presións e ameazas polas súas investigacións.

O 17 de marzo de 2018, The New York Times, The Guardian e The Observer denunciaban que a empresa Cambridge Analytica utilizara a información persoal dos usuarios de Facebook para influír nos votantes de Estados Unidos nas eleccións presidenciais de 2016. Tratábase da maior filtración de datos persoais desta rede social, utilizados para apoiar a campaña de Donald Trump e tamén para promover o voto a favor do Brexit no referendo do Reino Unido.

Por detrás desta publicación atopábase o traballo da xornalista  Carole Cadwalladr, redactora de The Guardian e do seu dominical, The Observer, que comezara no 2016 unha investigación sobre a manipulación dos procesos democráticos nos EUA e no Reino Unido. O seu traballo revelou como a empresa Cambridge Analytica e o seu satélite AggregateIQ utilizaron millóns de perfis de Facebook dos votantes para crear programas informáticos de predicción e influencia. 

O escándalo da filtración de datos provocou o peche de Cambridge Analytica en maio de 2018. Cadwalladr segue sometida a presións e ameazas a consecuencia das súas investigacións.

Carole Cadwalladr traballou como xornalista no The Daily Telegraph e agora escribe no The Observer, onde se ocupa principalmente de temas relacionados coas novas tecnoloxías. Ten recibido numerosos galardóns, como o Premio Orwell de xornalismo político, o premio Espírito de Reporteiros Sen Fronteiras e o premio Xornalista do ano da Asociación de Estudos Políticos.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.