Todas as candidaturas

#DefendeAGalega

Accede á votación

#DefendeAGalega é o lema da mobilización semanal dos traballadores dos medios públicos galegos, que xunto ás camisolas negras se converteu no último ano nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindible para garantir o principio de igualdade de oportunidades.

O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais.

Esta loita do persoal, sen precedentes nos medios públicos galegos, conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de intormación, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos. #DefendeAGalega converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega.

Ao longo destes meses, #DefendeAGalega realizou numerosas mobilizacións que inclúen a manifestación Pola dignidade dos medios públicos o 8 de setembro do ano pasado, paros parciais en varias xornadas de novembro e decembro ou unha folga de 24 horas o pasado 19 de decembro. Nese tempo, a Comisión de Regulamento do Consello de Administración da CRTVG puxo en marcha o debate sobre a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos que dispón a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, pero tamén se produciron expedientes e desprazamentos de traballadores críticos que foron vistos como represalias ao labor reivindicativo de #DefendeAGalega.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.