Todas as candidaturas

'Diario de Mallorca' e as delegacións baleares de Europa Press e Efe

Candidatura na edición do ano 2019

O Diario de Mallorca e as delegacións baleares de Europa Press e Efe foron vítimas en decembro de 2018 de rexistros, requisición de material e investigación das súas comunicacións por orde do xuíz Miguel Florit, en relación coa publicación de información sobre o caso Cursach. O xuíz buscaba datos sobre as súas fontes de información, nun atentado intolerábel contra o segredo profesional.

O 11 de decembro de 2018, a policía presentábase nas sedes do Diario de Mallorca e Europa Press en Palma para requisar teléfonos móbiles, computadores, pendrives e documentación en papel. A operación policial respondía a unha orde do xuiz Miguel Florit, do xulgado de instrución número 12 de Palma, en relación coa publicación de información dun relatorio policial sobre a actividade fiscal das sociedades do empresario do ocio nocturno Bartolomé Cursach, pertencente a unha peza declarada secreta.

No rexistro de Europa Press, tres policías e unha axente xudicial pediron a unha redactora que lles facilitara o informe sobre o que publicara unha información e que revelara cómo o obtivera. A xornalista, á que non se lle permitiu consultar co seu avogado, acolleuse ao segredo profesional para non responder, mentres os axentes requisaban o seu teléfono móbil e dous computadores. No Diario de Mallorca foi tamén requisado o teléfono móbil dun xornalista, pero os responsábeis do xornal se negaron a entregar de maneira voluntaria os equipos informáticos requiridos polos policías.

Posteriormente, sóubose tamén que o xuíz Florit pedira o rexistro dun ano de chamadas da delegación da Axencia EFE nas Baleares, así como das comunicacións e a ubicación do teléfono móbil dunha redactora. 

Todas estas actuacións representan un atentado intolerábel contra o segredo profesional, imprescindíbel para protexer a identidade das fontes xornalísticas e consagrado como dereito fundamental polo artigo 20.1.d) da Constitución Española. Así foi considerado tamén por numerosos profesionais, medios e organizacións do mundo da comunicación que alzaron a súa voz contra esta actuación xudicial. 

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.