Todas as candidaturas

Ignacio Escolar

Accede á votación
Ignacio Escolar (Foto: José Roca)

Ignacio Escolar García (Burgos, 1975) foi director entre 2007 e 2009 do diario Público e desde 2012 dirixe eldiario.es. Colaborador e tertuliano en numerosos medios, en 2016 cesaba a súa participación na Ser logo de que eldiario.es publicara información que relacionaba a Juan Luís Cebrian cos Papeis de Panamá.

Escolar comezou a súa carreira xornalística en 1995, colaborando en diarios como Cinco Días ou El Mundo e en revistas como Muy Interesante, Rolling Stone, GEO ou Quo. En 1999 incorpórase aos informativos de Tele 5 como responsable da sección "El Navegante". En 2004 “cruza o charco” para traballar en México e Ecuador como consultor de prensa. De regreso a España, foi nomeado coordinador da páxina web Informativos Tele 5. Deixou ese posto para ser director adxunto do xornal La Voz de Almería e traballou tamén na Cadena Ser Almería e Localia Almería. Volve a Madrid para dirixir o rotativo Público desde a súa fundación en setembro do 2007 até xaneiro do 2009. Desde o seu nacemento no 2012, dirixe o xornal dixital eldiario.es.

Colaborador e tertuliano en numerosos medios, como Televisión Española, Cuatro ou Tele5, en abril de 2016 cesaba a súa participación no programa Hoy por Hoy da Cadena Ser, logo de que eldiario.es publicara unha información referida aos Papeis de Panamá nos que supostamente figuraban achegados a Juan Luís Cebrian, presidente executivo do grupo propietario da emisora. Na actualidade ten contrato de exclusividade con La Sexta, colaborando nos principais programas da canle: Al rojo vivo, Más vale tarde La Sexta Noche. Colabora tamén con medios estranxeiros, como The Guardian no Reino Unido ou Clarín na Arxentina.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.