Todas as candidaturas

Juan Moreno

O período de votación desta edición xa rematou

Juan Moreno (Huércal-Overa, 1972), xornalista español radicado en Alemaña e colaborador de varios medios, realizou pola súa propia conta unha investigación sobre as fontes da reportaxe "Jaegers Grenze“, publicada xunto a Claas Relotius no Der Spiegel, que desvelou a fraude xornalística protagonizada por unha das estrelas do xornalismo alemán no tempo das fake news.

O 19 de decembro de 2018, Der Spiegel, a maior revista semanal de Europa e a máis importante de Alemaña, anunciaba a través do seu editor xefe Ullrich Fichtner que Claas Relotius, redactor da publicación con numerosos premios xornalísticos, "manipulou as súas próprias historias en gran medida". Todos os seus textos publicados na revista levan desde ese momento unha nota de advertencia: "O relato de Claas Relotius está baixo sospeita de extensa falsificación e manipulación por parte do autor".

O "escándalo Relotius" estourou a partir da investigación de Juan Moreno, colaborador da revista que asinou xunto a Relotius a reportaxe "Jaegers Grenze" ('A fronteira de Jaeger'), publicada o 16 de novembro de 2018. Moreno advertira inconsistencias e erros no texto publicado. Tras escribir, sen éxito, ao Departamento de Comprobación de Datos e Documentación de Der Spiegel, Moreno realizou ás súas propias expensas a investigación sobre as fontes, que revelou a invención da historia de Relotius, punta do iceberg do que parece ser a maior fraude xornalística dos últimos anos. 

Juan Moreno constitúe deste xeito a encarnación do xornalista en busca da verdade, realizándoo ademais desde a súa posición de freelance, coas duras condicións que este tipo de situación supón.

Formado na Deutsche Journalistenschule de Múnic, Moreno traballou como editor para talk shows da ARD, como presentador de radio na Westdeutscher Rundfunk e como presentador de televisión na Phoenix. Entre 2000 e 2007 traballou para o Süddeutsche Zeitung, onde escribía a columna "Von mir aus". Desde ese ano colabora con varios medios, entre os que destaca Der Spiegel.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.