Todas as candidaturas

Lydia Cacho

Candidatura na edición do ano 2021

(Foto: Eneas de Troya (CC BY 2.0))

Lydia Cacho, xornalista, activista e escritora mexicana, denunciou a mafia da pederastia en México, o que a levou a sufrir ameazas, ser secuestrada polo gobernador de Puebla Mario Marín Torres en 2005, e finalmente exiliarse. O pasado 3 de febreiro, Mario Marín, que levaba prófugo dous anos, era por fin detido polas torturas e a detención ilegal de Cacho.

 

Lydia María Cacho Ribeiro, nada en Cidade de México en 1963, é unha xornalista, activista e escritora mexicana. Desde moi nova, involucrouse na defensa dos dereitos das mulleres. En 2004 publicou o libro Los demonios del Edén, onde denuncia a mafia da pederastia en México e a explotación comercial do sexo con menores coa anuencia da clase política, e implica a varias personaxes públicas. Os delitos que denunciou Lydia Cacho tiveron lugar en Cancún (Quintana Roo), onde ela residía e onde foi secuestrada por elementos policíacos de Puebla e trasladada de maneira ilegal a ese estado, por orde do gobernador de Puebla, Mario Marín Torres (do PRI).

En 2005 Jean Succar Kuri, pederasta e corruptor de menores preso en Arizona, ameazouna de morte. Tamén foi ameazada por José Ramón Hernández, ex axente do Corpo Especial Antisecuestros de Torreón, e por Alfredo Jiménez Potenciano, presunto narcotraficante, razóns polas que Cacho contaba cunha escolta da Axencia Federal de Investigación. Esta escolta foi burlada durante a súa detención e traslado a Puebla en decembro de 2005, tras a demanda por difamación interposta por Kamel Nacif Borge, sinalado no libro Los Demonios del Edén como amigo do pederasta detido en Arizona.

O 14 de febreiro de 2006 deuse a coñecer a gravación dunha chamada telefónica entre o gobernador de Puebla e Kamel Nacif, na que este último lle agradecía o favor feito por Marín ao deter e procesar a Lydia Cacho; estes feitos sustentarían as denuncias feitas por ela. Gran parte dos políticos de México, organizacións sociais e medios de comunicación esixiron a aclaración do caso e mesmo a renuncia do gobernador. 

Posteriormente á súa detención, o comité de Dereitos Humanos da Organización de Nacións Unidas pide ao estado mexicano que se repare o delito de difamación provocado á xornalista. O comité da ONU deixa claro que recoñece o suceso como un caso de violación a mulleres no sistema de xustiza. Despois dunha longa etapa xudicial, e dadas as ameazas constantes que recibe, autoexíliase e continúa a súa actividade de denuncia, mantendo unha columna no  xornal El Universal de 2009 a 2014, que deixa ese ano porque, segundo ela mesma manifesta, se deron circunstancias que lle impediron continuar. 

Ten publicados máis dunha ducia de libros e recibido numerosos e importantes premios pola súa loita a favor da igualdade, da muller e os dereitos humanos.

A motivación da súa candidatura vén fundamentada pola detención, o pasado 3 de febreiro deste ano, do ex gobernador de Puebla, Mario Marín, quen tras a denuncia por torturas durante a detención ilegal de Lidya Cacho levaba dous anos prófugo en Acapulco.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.