Todas as candidaturas

Marcos Méndez

Premiado na edición do ano 2023

Marcos Méndez

Marcos Méndez é un xornalista lucense que harmoniza a súa actividade nos medios de comunicación coa formación de reporteiros gráficos. Percorreu os cinco continentes por motivos laborais e, actualmente, está centrado na cobertura da guerra de Ucraína para diferentes medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, como xornalista independente. É o único xornalista que cubre o conflicto bélico en galego. 

Marcos Méndez Moreira naceu en Lugo en 1976 e é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidad de Navarra, ademais de ter o mestrado en Produción Audiovisual pola Universidad Complutense e o mestrado de Industrias Creativas na Universidade de Santiago de Compostela. Realiza o o seu doutoramento cun traballo audiovisual sobre o tratamento en TVE do VIH durante os 30 primeiros anos da pandemia.

En 1996 comeza a incorporarse aos medios de comunicación, exercendo como xornalista en Localia Telelugo, Atlas Galícia (Tele5), Antena3 e TVE. Desde 2010 traballa como xornalista freelance en medios como a Televisión de Galicia, a Radio Galega, laSexta, Tele5, Cuatro, Alianza Informativa Latinoamericana e Tv Caracol. O seu labor xornalístico lévao aos cinco continentes, desde onde informou de acontecementos como as Olimpíadas de Sydney, a declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade ou o a erupción do volcán Cumbre Vieja na Palma.

Desde o 25 de febreiro de 2022, é correspondente na guerra de Ucraína. Cubriu a crise de refuxiados, para logo chegar a Kíiv a mediados de marzo, cando comezou o asedio da capital. Estivo informando por todo o país. incluíndo o Donbás, Khárkiv, Mykolaiv ata Odesa. Foi dos primeiros informadores que entraron en Bucha a mañá do 2 de abril e o único xornalista en cubrir a guerra en galego. As súas informacións aparecereon en El Progreso, a TVG e Radio Galega, Telecinco, Cuatro, AIL ou Televisión Caracol de Colombia.

Os seus artigos para El Progreso, recollidos co título "Sobre o Terreo", valéronlle o premio da Asociación de Medios de Información no 2022, un ano no que tamén foi recoñecido nos galardóns Lucenses do Ano. 

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.