Todas as candidaturas
José María Pérez González, Peridis

José María Pérez González, máis coñecido como Peridis (Cabezón de Liébana, 1941), é arquitecto, escritor, humorista gráfico e divulgador do patrimonio. É especialmente célebre pola tira diaria que publica no El País desde o nacemento deste xornal. 

Xa no momento dos seus estudos de bacharelato en Palencia comeza a súa carreira como debuxante, colaborando con caricaturas no Diario Palentino.  Máis tarde, trasladado a Madrid para estudar arquitectura, publica noutros medios como Diario SP, Informaciones ou Cuadernos para el diálogo. Desde o nacemento do diario El País, o 4 de maio de 1976, publica unha tira diaria sobre a actualidade política neste xornal, que o ten situado como un dos máis influentes humoristas gráficos españois, caracterizado por un alto sentido do humor e o seu estilo propio para caracterizar as personaxes. Realizadas con absoluta liberdade, algunhas das súas tiras teñen a forza dun editorial. Este traballo reportoulle premios como o Mingote de Humor en 1983, o Notario do Humor en 2005 ou o Premio UEMC ao Personaxe Público de Castela e León que mellor comunica este mesmo ano.

Ademais do traballo como humorista gráfico, é notoria a súa actividade como arquitecto e como estudoso e divulgador da arte románica. Neste sentido, dirixe a Enciclopedia del Románico en la Península Ibérica e participou nas series de Televisión Española Las claves del románico, Mover Montañas e La luz y el misterio de las catedrales. Creou a primeira escola-taller de España e as Lanzadeiras de Emprego e Emprendemento Solidario, e en 2014 estreouse como novelista co libro Esperando al rey (Premio Alfonso X el Sabio de Novela Histórica), ao que seguiría La Maldición de la Reina Leonor.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.