Todas as candidaturas

Víctor Guerrero

Candidatura na edición do ano 2022

Victor Guerrero, xornalista asturiano cunha ampla traxectoria nos medios públicos estatais, cubriu recentemente a guerra de Ucraína como enviado especial para Televisión Española. As súas informacións destacan polo rigor, o achegamento ás historias persoais que hai por tras dos enfrontamentos e unha continua cobertura da actualidade do conflito.

Victor García Guerrero, nado en Xixón, estudou Filosofia, pero logo de montar unha revista con algúns dos seus compañeiros viuse atraído pola información. Colaborou durante un ano coa televisión local de Xixón, realizando xornalismo deportivo, reportaxes, e finalmente informativos, tras o que decidiu marchar a Inglaterra para mellorar o seu nivel de inglés e formarse cun máster en comunicación de masas.

De volta á súa cidade natal, traballou na comunicación da Semana Negra, así como na radio e na televisión. Desprázase despois até Brasil, desde onde exercerá de xornalista freelance, colaborando con medios como Radiotelevisión Española, a BBC británica ou El Periódico de Catalunya. De volta de novo en Asturias, produce e presenta o informativo RPA Fin de Semana na radio pública do Principado. En 2008 pasa a traballar para Radio Nacional de España, onde se fará coñecido polo seu espazo "Notas de Extramuros", dentro do programa de Radio 3 Siglo XXI.  No ano 2014 pasa á televisión pública como co-editor do Telediario matinal.

Recentemente, dentro do despregamento informativo para cubrir a guerra de Ucraína, Víctor Guerrero informou do conflito como enviado especial da televisión pública en Kiev. Desenvolveu un intenso traballo xornalístico no conflito, desprazándose día a día por zonas fronteirizas entre Ucraína e Polonia e polas distintas cidades atacadas.

O seu é un traballo informativo que se caracteriza, ademais de por estar presente nas zonas mais afectadas pola guerra, polo achegamento ás xentes que viven o conflito, pola rigorosidade e verificación das súas informacións e pola continua actividade nas redes sociais, ofrecéndonos todo o que está a suceder na guerra entre Rusia e Ucraína.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.