Todas as candidaturas

Zehra Doğan

O período de votación desta edición xa rematou

Zehra Doğan (Foto: The Voice Project)

Zehra Doğan, xornalista kurda e editora da axencia de noticias Jinha, formada integramente por mulleres, atópase encarcerada na prisión de alta seguridade de Diyarbakır polo seu traballo como comunicadora, acusada polas autoridades turcas de "facer propaganda para unha organización terrorista". A axencia Jinha foi pechada en 2016 polo goberno.

Zehra Doğan, nacida en Diyarbakır, Turquía, en 1989, é unha pintora e escritora kurda, ademais de xornalista. O 8 de marzo de 2012 fundou a axencia de noticias Jinha, a primeira dese país composta integramente por mulleres. Jinha, cuxo acrónimo na lingua kurda significa "Axencia de noticias das mulleres", naceu difundindo noticias en turco, kurdo e inglés para garantir a amplitude sonora dos pensamentos, as palabras e os sentires das mulleres kurdas que mostran as súas informacións.

O 21 de xullo de 2016 foi arrestada polas autoridades turcas, acusada de "pertenza a organización ilegal" polo seu traballo como xornalista e pintora. Permaneceu en prisión preventiva até o 9 de decembro dese ano. O seu proceso continuou até o 24 marzo de 2017, cando foi absolta dos cargos iniciais, pero condenada a 2 anos, 9 meses e 22 días de prisión por "propaganda dunha organización terrorista" por publicar unha pintura nas redes sociais. Na cadea, onde continúa a día de hoxe, fundou con outras mulleres o xornal Özgür Gündem Zindan. A axencia Jinha foi pechada o 29 de outubro de 2016 polo goberno turco, igual que outros máis de 100 medios clausurados tras o golpe militar fallido.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.