Todas as candidaturas

Fran Sevilla

Candidatura na edición do ano 2008

Fran Sevilla naceu en Madrid e ten 41 anos. É xornalista especializado en información internacional, exerce na actualidade como correspondente voante para os servizos informativos de Radio Nacional de España, dos que durante tres anos foi xefe de internacional. Sevilla define o seu traballo como un oficio case artesanal que o levou a Centroamérica, Oriente Próximo, os Balcáns, Perú e Afganistán.

Estivo a cubrir a guerra de Iraq dende o seu inicio. Antes, cubriu a guerra en Afganistán desde o seu inicio ata a entrada en Kabul das tropas da Alianza do Norte. Durante catro anos residiu en Xerusalén como correspondente de RNE en Oriente Próximo.

Previamente foi enviado especial desa emisora de radio a todos os grandes conflitos bélicos que tiveron lugar na década dos 90. As súas primeiras incursións xornalísticas aos conflitos armados foron á Nicaragua sandinista, en 1984; ó Paraguai de Stroessner, en 1985; á Guatemala de Ríos Mont, en 1985; e ó Chile de Pinochet, en 1986. Transmitiu sobre o terreo todo o proceso de desintegración da antiga Iugoslavia e a totalidade da guerra do Golfo.

Fran Sevilla é, ademais, profesor do Master sobre Relacións Internacionais que anualmente organiza a facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid.

O seu labor como xornalista foi recoñecido en numerosas ocasións e recibiu os premios: Víctor de la Serna ao mellor xornalista do ano 2001; Premio anual 2001 Dereitos Humanos na rama de xornalismo outorgado pola Asoc. Pro-Dereitos Humanos de España; o Chirlillo Rodríguez 2001 ao mellor correspondente; Primeiro Premio á Liberdade Luis del Olmo pola defensa dos valores da liberdade e a tolerancia (2002); Premio Cooperación 2002 outorgado pola Asoc.de Xornalistas Árabes do Club Internacional de Prensa; Premio especial de xornalismo Ortega e Gasset 2003 compartido con todos os xornalistas españois que cubriron a guerra de Iraq.