Todas as candidaturas

Ana Pastor

Candidatura na edición do ano 2011

Ana Pastor García (Madrid, 9 de decembro de 1977) é licenciada en Xornalismo pola Universidade CEU San Pablo, traballou en prensa escrita, televisión, en RNE e na axencia EFE. En 1999 comezou a traballar para a Cadena SER. Alí formou parte do equipo de Iñaki Gabilondo e especializouse en información internacional.

Foi enviada especial no desastre do tsunami do sueste asiático e os atentados do 7-J de Londres, e cubriu informacións en Paquistán, Afganistán, Níxer, Senegal, Guinea Ecuatorial, Gambia, Liberia e Serra Leona.

En setembro de 2006 foi fichada para presentar o programa de TVE 59 segundos, no que os participantes teñen un minuto para expor a súa postura sobre a actualidade política. Desde setembro de 2009 presenta o espazo 'Los desayunos de TVE'. Este espazo conseguiu unha gran aceptación entre o público sendo líder na súa franxa horaria en outubro de 2010.

A súa forma de facer as entrevistas, sen renunciar nunca á resposta por máis que o invitado trate de eludir as preguntas, convertérona nun modelo a seguir para os profesionais do xornalismo que cren que o seu papel non debe reducirse ao de meros comparsas do discurso político.