Todas as candidaturas

Lydia Cacho

Candidatura na edición do ano 2014

Lydia María Cacho Ribeiro (Cidade de México, 12 de abril de 1963) é unha xornalista, activista e escritora mexicana. Autora de varias obras de impacto social, foi premiada en varias ocasións polo seu labor xornalístico. Tamén é recoñecida activista polos dereitos humanos e especialmente os da muller e forma parte da Rede Internacional de Xornalistas con Visión de Xénero.

A xornalista empezou a recibir ameazas e agresións despois de publicar no ano 2005 o libro Os demos do Edén, no que denunciou unha rede de pornografía infantil que actuaría co coñecemento e a protección de políticos e empresarios dos estados de Quintana Roo e Puebla. En 2006 indagou as mortes violentas de centos de mulleres en Cidade Juárez.

Viaxou polo mundo cinco anos para escribir Escravas do poder, un libro que fai un panorama do mercado sexual de nenas e adolescentes. Tocou límites perigosos, pero demostrou o poder que ten este negocio. É o máis rendible, despois do narcotráfico e a venda de armas. Cada ano, segundo un dato do seu libro, 1.39 millóns de persoas son vendidas no mundo.

Estes traballos valéronlle a Cacho repetidas ameazas, ataques e acoso policial. En 2006 recibiu o Premio Francisco Ojeda ao valor xornalístico e en 2007 o Premio Jineta Sagan de Amnistía Internacional polo seu labor en defensa dos dereitos das mulleres e os menores. A UNESCO concedeulle o premio Guillermo Cano de Libertad de Prensa en 2008. En 2011 obtivo o Premio Olof Palme e, en 2013, o Nicolás Salmerón de Derechos Humanos.

Ela mesma dixo que "cando te metes a investigar e denunciar un tema, ou o fas completo e como toca, ou mellor retíraste e poste a vender autos. O xornalismo implica comprometerse. Todo xornalismo ético é necesariamente comprometido".

Mesmo no seu mesmo gremio, viviu a discriminación: "A ti dinche que un home xornalista que se arrisca é valente. En cambio, unha muller xornalista que se arrisca é unha tola. Iso como é? Con que se come? A min pregúntanme: 'Pero como unha muller como ti anda facendo iso polo mundo?'. Que queren dicir cunha muller 'como eu'? Claro, a xente non se atreve a dicirche que mellor poderías estar concinándole ao teu marido".