Todas as candidaturas

Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas

Premiado na edición do ano 2014

Os tres xornalistas secuestrados en Siria compartiron candidatura en recoñecemento ao seu traballo e á difícil labor de informar nestes momentos en Siria, con mención especial a Vilanova polo seu traballo como freelance sen ter a cobertura dun gran medio detrás.

Ricardo García Vilanova (Barcelona 1972) é un video e fotorreporteiro freelance que leva 15 anos traballando como fotoxornalista. O seu traballo publicouse nos xornais e revistas máis prestixiosos do mundo e expúxose en varias capitais do mundo. Recibiu premios en Europa e Estados Unidos e traballou como reportero gráfico para CNN, Channel 4, Reuters, APTN, Euronews, Cuatro, Telecinco e TV3; ademais de colaborar con organizacións como Nacións Unidas, o Comité Internacional da Cruz Vermella, Human Rights Watch, Médicos sen Fronteiras e Médicos do Mundo. Desde o pasado 16 de setembro está secuestrado en Siria por un grupo vinculado a Al Qaeda.

Xunto a el foi tamén secuestrado Javier Espinosa, enviado especial do xornal El Mundo ao conflito sirio. Nacido en Málaga en 1964, iniciou a súa carreira xornalística en Canarias e desde 1994 publica en El Mundo. Na súa etapa como correspondente en México, cubriu informacións como o caso Pinochet ou o conflito de Chiapas. Despois da súa experiencia americana regresou a África como correspondente en Marrocos, desde onde cubriu todos os grandes acontecementos do continente negro. En 1999, permaneceu 48 horas secuestrado polos rebeldes de Sierra Leona e en 2012 estivo atrapado na cidade siria de Homs.

Marc Marginedas, pola súa banda, naceu en Barcelona en 1967, e estudou Xornalismo na Universidade de Navarra (1990) e Relacións Internacionais pola Universidade de Amsterdam (1991). Comezou a súa traxectoria profesional hai 25 anos como corresponsal en Argelia. É redactor de El Periódico desde xullo de 1992 e na actualidade exerce como enviado especial en zonas de conflito, como Irak, Afganistán ou Siria. Foi secuestrado nos arredores da cidade de Hama o pasado 4 de setembro e ven de ser liberado o pasado 2 de marzo.