Todas as candidaturas

Plataforma na Defensa da Liberdade de Información

Candidatura na edición do ano 2015

A Plataforma na Defensa da Liberdade de Información (PDLI) xorde pola preocupación dun grupo de organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais ante as ameazas aos dereitos de liberdade de información e de expresión en España.

Reformas legais que penalizan o dereito de protesta e a difusión de información, como o Proxecto de Lei Orgánica sobre Protección da Seguridade Cidadá, ou que impiden o normal funcionamento de internet, como a reforma da Lei de Propiedade Intelectual; normas que obstaculizan o acceso á Xustiza, como a de taxas xudiciais; ou que neutralizan o dereito á información pública, como ocorre coa mal chamada Lei de Transparencia; ou prácticas que, desde o poder político, buscan o control dos medios, como a contratación de publicidade institucional como elemento discrecional para garantir a supervivencia de medios afíns fronte aos que non o son, poñen de manifesto o precario destes dereitos esenciais.

Ao mesmo tempo, nun contexto de crise económica e política no que xorden novas formas de protesta apoiadas en gran medida na liberdade de información que, en particular, permite internet, desde o poder reacciónase con contundencia para frear o seu desenvolvemento, a través de iniciativas que chegan a vulnerar dereitos fundamentais.

Para impulsar accións que contribúan a deter esta perigosa tendencia, xorde a PDLI, integrada por organizacións de xuristas e avogados, como o Ilustre Colegio de Abogados de Madrid (ICAM), a Unión Progresista de Fiscales (UPF) ou a Comisión Legal Sol; de xornalistas, como a Federación de Sindicatos de Xornalistas; por medios como eldiario.es, 20minutos, a axencia Disopress, ou a revista Mongolia; asociacións de consumidores como a OCU e CEACCU; profesores de universidade e grupos de investigación como Manuel Sánchez de Diego (UCM), Manuel Maroto (UCLM) ou o grupo sobre redes, movementos e tecnopolítica da UOC; e xornalistas, cineastas e avogados como Mario Tascón, Virginia Pérez Alonso, Juan Luís Sánchez, Stéphane M. Grueso ou Carlos Sánchez Almeida.

No marco do Congreso de Periodismo Dixital de Huesca e coincidindo coa votación no Senado da chamada "Lei Mordaza", a PDLI presentou un informe titulado Límites y amenazas al ejercicio de la libertad de expresión e información en España, un amplo documento no que se denuncia os ataques á liberdade de expresión, os límites que se queren impor a dita liberdade, a situación do periodismo e os medios diante desta normativa e a obsesión das autoridades na pretensión de andar á busca e captura dos "perfís de risco". Por esgrimir esa defensa aberta na defensa da liberdade de información e de expresión e denunciar a quen a conculca preséntase esta candidatura ao Premio José Couso.