Todas as candidaturas

Aslı Erdoğan

Candidatura na edición do ano 2017

Aslı Erdoğan

Aslı Erdoğan (Istambul, 8 de marzo de 1967) é escritora e activista polos dereitos humanos turca, física de formación. Foi perseguida polos seus artigos, e no 2016 foi detida, estando actualmente á espera de xuízo e sen poder saír do país. 

Estivo a traballar uns anos como experta na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra e en 1994, despois dunha decisión persoal sorprendente, deu un salto a Brasil e converteuse en escritora. A súa excelente novela A cidade cuxo manto é vermello (Kırmızı Pelerinli Kent), ambientada en Río de Janeiro, pode dar algunha clave respecto diso. Despois seguiron diversas publicacións literarias, ata un total de oito títulos. O que é un continuo na súa vida é o seu espírito combativo e a súa actitude proactiva ante causas que necesitan voz e berro.  Desde o inicio da súa carreira literaria compaxinou a escritura coa publicación de columnas de opinión en diversos xornais. 

Na actualidade é columnista do Özgür Gündem. Previamente escribiu no diario Radikal. En total publicou máis de 200 artigos do ámbito nacional e internacional, ademais de novelas, poemas, contos, prosa poética, ensaios sobre viaxes e artigos políticos que foron traducidos a varios idiomas. Estivo perseguida en varias ocasións e sometida a diversas campañas de acoso en Turquía polos seus escritos, polo que viviu exiliada durante varios anos. O 16 de agosto do 2016 foi detida na súa casa, saíndo en liberdade provisoria, á espera de xuízo, o 29 de decembro. Ten prohibido abandonar o país. 

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.