Todas as candidaturas

Manuel Rico

Premiado na edición do ano 2021

Manuel Rico, fundador e actual director de investigación de infoLibre, é un destacado xornalista de investigación, autor de numerosas exclusivas ao longo da súa traxectoria profesional. Nos últimos meses denunciou a dramática situación das residencias de maiores durante a pandemia, moitas das cales están en mans de grandes grupos privados.

Manuel Rico Prada naceu na vila berciana de Fabeiro en 1967. Licenciouse en Xornalismo na Universidad de Navarra e ten un mestrado de Estudos da Comunicación pola University of Missouri-Columbia, ademais de ser graduado en dereito pola Universitat Oberta de Catalunya.

A súa carreira como xornalista comeza como redactor de El Correo Gallego en 1990. Tres anos despois pasa ao xornal El Mundo como correspondente e, posteriormente, subdelegado en Galicia, para exercer finalmente de responsábel de local na edición do País Vasco. No 2000 incorporase ao Grupo Zeta en Madrid, onde puxo en marcha a edición dixital a edición dixital de Interviú e logo foi redactor xefe desta revista, para ocupar finalmente o cargo de subdirector de Tiempo.

En 2007, coa posta en marcha do xornal Público, entra a traballar como redactor xefe de política, ocupando posteriormente os cargos de xefe de redacción e subdirector.  En 2013, pasa a formar parte do equipo fundador do dixital InfoLibre, primeiro como director e, desde o ano pasado, como director de investigación. 

En 2009 foi demandado xunto a outros xornalistas de Público por Ignacio González, tras teren publicado informacións que detallaban o seu papel en adxudicacións públicas sospeitosas. A demanda foi rexeitada por varios tribunais. 

Entre as numerosas exclusivas da súa vida profesional, nos últimos meses denunciou a dramática situación das residencias de maiores durante a pandemia, moitas das cales están en mans de grandes grupos privados.

Manuel Rico foi presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela entre 1995 e 1997 e participou da posta en marcha do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. É membro tamén do Colegio de Abogados de Madrid.

O traballo de Manuel Rico destacouse pola información independente, desde a imparcialidade, a profesionalidade e o xornalismo de investigación, o que lle fixo sufrir ameazas e presións. Cómpre salientar tamén o seu compromiso coa defensa da profesión xornalística.  

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.