As bases

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), creado pola Lei do Parlamento Galego 2/99 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol convocan a duodécima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

José Couso foi disparado o 8 de abril de 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos de Tele5. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucraíno Taras Protsyuk. Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.

O XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa rexerase polas seguintes bases:

1. Poderán ser presentadas as candidaturas dos xornalistas sen distinción de lugar de orixe.

2. Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta argumentada de candidato para o Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura.

3. As candidaturas deben incluír a seguinte DOCUMENTACIÓN:
a. MEMORIA que conteña as razóns para apoiar dita candidatura (mínimo dun folio, máximo de cinco).
b. CURRÍCULUM VITAE do candidato ou traxectoria da organización (mínimo dun folio, máximo de catro). 

A candidatura pode ir acompañada, de ser necesario, por outros tipos de material de apoio e, en xeral, por calquera documento que achegue datos relevantes e información adicional. Esta información poderá ser incorporada á web do Premio.

4. As candidaturas serán enviadas por correo electrónico a premiocouso@xornalistas.gal. Deberá ir  perfectamente identificada a persoa ou entidade que propón a candidatura e un número de teléfono de contacto para as comprobacións pertinentes. 

5. As candidaturas deberán presentarse necesariamente antes das 19:00 horas do día 14 DE MARZO.

6. Non serán admitidas as candidaturas que non cumpran cos anteriores requisitos. A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. O Secretario do CPXG levantará acta sobre as candidaturas recibidas e entregadas, xunto coas mesmas, á organización. A comisión fará oficiais e públicas -na web do Premio e na sede do CPXG- as candidaturas o 16 DE MARZO.
 
7. A Xunta de Goberno do CPXG e a Directiva do Club de Prensa de Ferrol nomearán unha comisión específica para a organización do certame. Esta comisión é o máximo órgano de decisión do premio e as súas decisións non admiten recurso algún.

8. O XURADO do Premio José Couso está constituído por todos e cada un dos colexiados do CPXG e socios do Club de Prensa de Ferrol que teñan ao día o pagamento das súas cotas de asociados. O Decano do CPXG e o Presidente do Club de Prensa actuarán, respectivamente, como presidente e vicepresidente do xurado. Nomearase tamén un secretario ou secretaria.
 
9. O xurado poderá votar única e exclusivamente a través de internet. A votación electrónica realizarase entre os días 16 de MARZO e ás 19:00 horas do 6 de ABRIL na web do premio, http://couso.xornalistas.gal

Os colexiados e colexiadas do CPXG realizarán o seu voto a través da intranet da web do CPXG. Os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol realizarán o seu voto enviando un mail co seu candidato a premiocouso@xornalistas.gal. Deberán enviar a súa elección e incluír os seus datos persoais (nome, DNI e número de asociado). O voto non será válido se os datos non foran correctos. 

O Secretario do CPXG levantará acta dos votos recibidos, quen os contará atribuíndollos a cada un dos candidatos. O Premio seralle concedido ao candidato que obteña a maioría dos votos. En caso de empate, o presidente do xurado disporá de voto de calidade.

Este procedemento farase en presenza dun notario, quen levantará acta do resultado.
             
10. O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.

11. O fallo do xurado darase a coñecer en rolda de prensa.