José Couso

O camarógrafo de televisión José Couso Permuy naceu en 1966 en Ferrol (A Coruña). Licenciado en Ciencias da Información, na rama de Imaxe, creou a súa propia empresa en 1997 coa finalidade de ofrecer os seus servizos ao departamento de Informativos Telecinco. Estaba casado e tiña dúas fillas.

Traballou durante oito anos para a canle de televisión Telecinco, ate o momento da súa morte. Entre os documentos gráficos que elaborou destacan o conflito armado de Macedonia, onde acudiu con Juan Pedro Valentín tras o secuestro que sufriu o seu compañeiro Jon Sistiaga, quen o acompaña en todo momento nas súas últimas horas de vida. Xa coñecía Iraq, pois estivo alí no ano 97, durante a crise dos inspectores da ONU e un ano despois acudiu de novo a Bagdade para ser testemuña gráfica dos bombardeos á cidade. En 1999 cubriu a guerra de Kósovo desde distintos lugares. Tamén cubriu a crise da illa de Perejil entre España e Marrocos no 2002 e a desfeita do petroleiro Prestige nas costas galegas en 2003.

José Couso chega a Iraq con varios compañeiros de Telecinco antes da invasión, e cando os EEUU comezan a bombardear o país fica só con Jon Sistiaga. O 8 de abril de 2003 o exército estadounidense ataca o Hotel Palestina de Bagdade, no que se hospedaba boa parte da prensa estranxeira que daba cobertura informativa á guerra. José Couso atopábase no piso que foi alcanzado polo disparo do tanque americano que atacou. O propio Couso chegou a gravalo antes de caer ao chan. Poucas horas despois falecía, con 37 anos, no hospital San Rafael de Bagdade. Do mesmo disparo morreu tamén o xornalista ucraíno Taras Protsyuk, da axencia Reuters.