Todas las noticias

#DefendeAGalega gaña a XV edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

#DefendeAGalega, a mobilización semanal dos traballadores dos medios públicos galegos, vén de gañar a XV Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. O fallo deuse a coñecer esta mañá no Centro Torrente Ballester de Ferrol. 

O acto contou coa participación de Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, Darío Janeiro, secretario do Premio José Couso, e Jorge Suárez Fernández, alcalde de Ferrol. 

O acto abriuno a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, quen quixo comezou lembrando aos traballadores e traballadoras da RTVE na súa reivindicación de que os debates electorales teñan con escenario os medios públicos. A presidenta, quixo tamén facer unha lembranza a José Couso, aos seus familiares e amigos que seguen na busca de xustiza.

Francisco X. González Sarria aproveitou a ocasión, "xa que os partidos políticos están inmersos en campaña", para reclamar "unha investigación que faga xustiza" para José Couso e que se revisen as reformas "que limitaron a aplicación en España da xurisdicción universal". O decano do Colexio de Xornalistas deu paso á lectura do fallo, non sen antes destacar que todas as candidaturas "representan o valor de contar as cousas que o poder non quere que sexan contadas". Tivo tamén unhas palabras para a recente detención de Julian Assange, fundador de WikeLeaks, organización galardonada en 2011 co Premio Couso,  "sobre a que cabe poñer lupa, incidindo unha vez máis en que non hai democracia real sen liberdade de prensa"

Darío Janeiro, como secretario do premio, deu lectura á acta do fallo, asinada polo señor notario D. Héctor Pardo, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. Nela recóllese que o premio foi creado para lembrar "cada ano que son moitos, demasiados sempre, os xornalistas perden a vida no exercicio da súa profesión”, facendo unha mención especial ao asasinato de Jamal Khashoggi no consulado de Arabia Saudita en Istanbul.

Abertos os votos, e recontados polo notario, este levantou acta da repartición dos mesmos entre as catro candidaturas que optaban ao galardón. Como consecuencia deste escrutinio, resultou vencedora, con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado, a candidatura de #DefendeAGalega. Como cada ano, a candidatura gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.

Pechou o acto o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, expresando os seus parabéns á plataforma gañadora, recoñeceu a súa valentía polas reivindicacións que están a facer, cando o que esta en xogo son postos de traballo, Suárez sinalou que "a dignidade, a honestidade, a coherencia e a liberdade sonvalores que hai que defender, pero tamén hai que defender que a profesión de xornalista sexa retribuida dignamente."

Finalmente, contactouse vía telefónica con Tati Moyano, en representación de #DefendeAGalega, quen agradeceu en nome de todo o colectivo este recoñecemento, co cal espera que se escoiten as reivindicacións dos e das traballadoras da Galega. Confirmo a asistencia de representantes da inciativa o vindeiro día 3 no Teatro Jofre de Ferrol.

A candidatura premiada

O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais.

Esta loita do persoal, sen precedentes nos medios públicos galegos, conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de intormación, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos. #DefendeAGalega converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega.

Ao longo destes meses, #DefendeAGalega realizou numerosas mobilizacións que inclúen a manifestación Pola dignidade dos medios públicos o 8 de setembro do ano pasado, paros parciais en varias xornadas de novembro e decembro ou unha folga de 24 horas o pasado 19 de decembro. Nese tempo, a Comisión de Regulamento do Consello de Administración da CRTVG puxo en marcha o debate sobre a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos que dispón a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, pero tamén se produciron expedientes e desprazamentos de traballadores críticos que foron vistos como represalias ao labor reivindicativo de #DefendeAGalega.

#DefendeAGalega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 13 de abril de 2019
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia