Todas as novas

Texto da organización: 'Nacer todas as mañás', de Fran P. Lorenzo

Texto da organización lido no acto de entrega do XII Premio José Couso de Liberdade de Prensa no Teatro Jofre, escrito polo xornalista Fran P. Lorenzo. 

Contar o que pasa. Nunca a misión suprema do xornalismo foi tan complexa e, á vez, tan necesaria. E nunca tan expostas, indefensas e desposuídas estivemos as xornalistas e os xornalistas na batalla diaria da información. Perdemos, en primeiro lugar, a principal ferramenta da que dispuñamos: a linguaxe, o rigor nas palabras, a exactitude. Ese talismán extraviouse, hai ben tempo, na lameira do espectáculo e da banalización dos titulares e dos contidos. A crise económica exacerbou, ademais, a nociva práctica de revirar o nome das cousas. E foi así como os desafiuzamentos, os despedimentos, a corrupción, os espolios empresariais, os crimes de violencia machista, o terrorismo bancario, a persecución da disidencia política ou as leis que vulneran dereitos fundamentais da cidadanía adquiriron denominacións eufemísticas nas portadas dos diarios e nas escaletas dos telexornais. O asasinato premeditado de José Couso por parte do exército estadounidense converteuse, por exemplo, nunha morte desafortunada. E quen quixo denigrar así a súa memoria boicoteou tamén a presenza do noso compañeiro no espazo informativo. Porque a perversión da linguaxe vai sempre da man do silencio. E o silencio, como lembraba a poeta Adrienne Rich, é o principio básico da inacción. O que se censura, aquilo do que non se fala, reverte nalgo paralizante e falso, que condiciona as nosas vidas.

Sen armas case, esquivando imposicións e directrices censoras, vetos lingüísticos e liñas vermellas, saímos as xornalistas e os xornalistas á procura de novas preguntas. Buscamos outras maneiras de contar o que pasa e restituír a linguaxe, que é o mesmo que restituírmos a credibilidade. Pero qué encontramos ao regresar, co froito do noso labor entre as mans? A desidia intelectual duns editores que entregaron as súas cabeceiras aos bancos, aos anunciantes e aos poderes que subvencionan os seus imperios en declive. Encontramos a mercantilización da prensa, a compra-venda de noticias, a vulneración da fronteira entre información e publicidade, feitos e propaganda. Batemos con empresarios-gurú que non saben interpretar o presente e que só ven en Internet unha fonte de males, a coartada para os seus recortes e o pretexto para esixirlles aos seus empregados un perfil multifuncional flexíbel que falsea a realidade da profesión, inmersa nun crecente proceso de autonomización e empobrecemento free-lance. Batemos de cara con EREs, impagos, desigualdades salariais, contratos abusivos e bolseiras e bolseiros que realizan traballos sen apenas remuneración. Atopámonos a feminización da man de obra e a ausencia de mulleres nos consellos administrativos, nas direccións e nas mesas nas que se decide. E achamos, nos medios privados e públicos deste país, redaccións amordazadas, atemorizadas, adictas aos gabinetes institucionais e ás máis resesas e manipuladoras rutinas informativas. Periodismo anestesiado, acrítico, insolidario, obediente, que acata as ordes, incapaz de erguer outro relato colectivo que non sexa o da súa propia desgraza.

Cómpre pois ollar cara ás empresas porque nelas, e nese estado de excepción que nos impoñen ás traballadoras e traballadores, radica hoxe o perigo real. Os ataques á liberdade de prensa non proveñen das declaracións dun deputado. Nin sequera do descrédito social que suscitan opinadores e tertulianos intrusos, que se arrogan a representatividade deste oficio e ofrecen circo e especulación no canto de rigor e datos contrastados. A ameaza provén dunhas empresas xornalísticas que son, hoxe, a eficaz correa de transmisión dun poder político e económico, satisfeito coa nosa docilidade e a nosa indefensión. Debémonos esixir autocrítica e exercitar ese acto supremo de liberdade e independencia que é dicir NON. Non á manipulación informativa, non á censura, non á precariedade laboral, non á vulneración por lei do noso dereito a informar. Contemos o que pasa. Sen ilusións pero sen desilusionarse. E saiamos á procura dese milagre do que falou o escritor portugués Miguel Torga: “Saborear os frutos do quotidiano sem ter o gosto deles na memória. Nascer todas as manhãs”. Repitámolo. Dicir NON e nacer todas as mañás. Debémosllo a quen non o pode facer e a quen, coma José Couso, entregou a vida mesma no heroico e necesario acto de contar o que pasa.

Fran P. Lorenzo, xornalista