Todas as novas

Ábrese ata o 30 de marzo o prazo para presentar as candidaturas ao XI Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu esta mañá a presentación da XI edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. Ata o día 30 de marzo pódense presentar candidaturas. O acto abriuno como anfitrión Siro López, presidente do Club de Prensa de Ferrol, que deu a benvida aos medios a ao resto de convocantes. López tivo un emotivo recordo para Luís Mera, secretario do Club de Prensa falecido o pasado domingo, que tivo "un papel moi destacado desde o comezo do certame e foi un dos artífices do éxito do premio".

O presidente do Club de Prensa fixo tamén unha mención especial á familia de José Couso e expresou admiración pola súa loita en busca de xustiza. López asegurou que sempre lle quedará gravada "a imaxe de José Couso dicíndolle aos seus compañeiros que mantiveran a cabeza alta". Nese sentido, afirmou, "este premio é unha forma de que a morte de José Couso non sexa unha morte definitiva, é un premio pola dignidade de todos".

María Jesús González, directora de Área de Negocio de CaixaBank en Ferrol, comezou a súa intervención felicitando ao presidente do Club de Prensa e ao decano do CPXG polo seu labor no premio. Este é o cuarto ano que a Obra Social "la Caixa" participa no premio e González expresou a satisfacción da entidade por formar parte da iniciativa.

González deixou claro que, para a Obra Social "la Caixa", "a liberdade de prensa é un valor moi importante que hai que defender". "Na actual situación económica, e nun sector especialmente afectado", dixo, estas actividades que fomentan a liberdade de prensa son moi importantes para que os profesionais da comunicación realicen o seu traballo con garantías".

O acto pechouno o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, que quixo ter tamén unha lembraza para Luís Mera: "Para a organización era un puntal do certame, unha persoa que nunca causaba problemas, senón que os resolvía".

A continuación, anunciou a abertura do prazo de presentación de candidatos, facendo un chamamento á participación de todos os xornalistas. Ata as 19:00 horas do 30 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 1 de abril. Entre ese día e o 27 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O 7 de maio darase a coñecer o fallo e o 19 de maio terá lugar a entrega no Teatro Jofre de Ferrol.

Pereiro quixo facer mención á difícil situación que están a pasar os traballadores do Grupo La Capital. "Sempre que nos referimos á profesión, os xornalistas falamos de crise, pero o feito de convocar o premio sempre é un motivo de orgullo e alegría porque é unha ocasión de reivindicar o piar da profesión que é contar as cousas como son e como pasan", dixo. "Fixémonos xornalistas voluntariamente", destacou, "se estamos nisto é porque nos gusta e porque consideramos que é necesario".

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.com.

Ferrol, 11 de febreiro de 2015
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia