Todas as novas

Ábrese o prazo para presentar as candidaturas ao VIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu esta mañá a presentación da VIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’, que este ano se incorpora ao certame. O Presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, anunciou a apertura do prazo de presentación de candidatos. Ata o 20 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 23 de marzo. O 26 de abril darase a coñecer o fallo do xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa, e o 9 de maio terá lugar o acto de entrega en Ferrol, que un ano máis contará coa Real Filharmonía de Galicia.

O presidente do Club de Prensa de Ferrol cedeulle a palabra a Ignacio Pascual Reparaz, responsable de Institucións de ‘la Caixa’ na Coruña, novo colaborador do Premio José Couso, quen dixo sentirse agradecido pola confianza que o Colexio e o Club de Prensa depositan na entidade. "Na Obra Social ‘la Caixa’ cremos firmemente en que o coñecemento contribúe tamén ao desenvolvemento persoal dos cidadáns e en consecuencia a aumentar a cohesión social. Sen liberdade de prensa non é posible alcanzar nada disto", declarou.

O acto pechouno o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, quen celebrou a continuidade do premio, que xa vai pola súa oitava edición, algo especialmente importante "nunhas circunstancias nas que ademais de reivindicar a liberdade de prensa contra os ataques aos profesionais da comunicación en todo o mundo, tamén hai que reivindicala contra a crise que estamos vivindo aquí". Neste sentido, destacou que "se os profesionais están mal pagados e cada vez teñen máis carga de traballo e menos medios, será toda a sociedade quen vexa afectado o seu dereito a unha información veraz e contrastada".

A presentación rematou emprazando aos medios para o próximo 26 de abril cando se fará público o fallo do xurado.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.com.

Ferrol, 16 de febreiro de 2012

CPXG

Descarga aquí as bases.