Todas as novas

Ábrese o prazo para presentar as candidaturas para o VII Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu esta mañá a presentación da VII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, en colaboración con Novacaixagalicia. O Presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, anunciou a apertura do prazo de presentación de candidatos. Ata o 7 de Marzo poderanse presentar as propostas que se anunciarán como definitivas o día 10 de marzo. O 8 de abril darase o fallo do xurado e o 5 de maio terán lugar os actos de entrega en Ferrol.

O representante da Novacaixagalicia, director Territorial de Ferrol, Ángel Martínez Moar expresou a satisfacción da entidade porque o premio celebre a súa séptima edición. O director da zona de Ferrolterra sempre tivo unha especial vinculación co premio Couso xa que participou nel dende os seus comezos.

O acto pechouno Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, quen fixo referencia á actual crise que afecta ao xornalismo dende varios frentes e que a máis preocupante é a profesional. Moita da información ven de notas das axencias e as fontes quedan a expensas da liña editorial. Dende as entidades preténdese loitar contra estes problemas cono por exemplo impulsando a Lei de Garantías da Información. Tendo en conta a situación na que os xornalistas realizan a súa labor, Pereiro sinalou que "se as bases non especificasen que o premio vai a persoas vivas ou organizacións existentes, o premio tería que ir para toda a profesión xornalística".

A presentación rematou emplazando aos medios para o 8 de abril, coincidindo co aniversario do asasinato de José Couso, cando se fará público o fallo do xurado.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ó xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.com.

Ferrol, 15 de febreiro de 2011

CPXG