Todas as novas

Miguel Ángel Aguilar, Anas Aremeyow Anas, Jesús Blasco de Avellaneda, Anabel Hernández, Reporteros Sin Fronteras, Olga Rodríguez e Alberto Sicilia, candidatos ao XII Premio Couso

Sete candidaturas concorren este ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. As propostas desta XII Edición son Miguel Ángel Aguilar, Anas Aremeyow Anas, Jesús Blasco de Avellaneda, Anabel Hernández, Reporteiros Sen Fronteiras, Olga Rodríguez e Alberto Sicilia.

Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Dende hoxe e ata as 19.00 horas do 12 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir ao gañador, que se dará a coñecer o 19 de abril.

Sobre os candidatos

Miguel Ángel Aguilar é un veterano xornalista e o Secretario Xeral da Asociación de Xornalistas Europeos. Dende 1980 ata 2015, desenvolveu o seu traballo como columnista de El País, xornal do que foi cesado o pasado mes de novembro como consecuencia de criticar as coaccións dos poderes económicos e políticos no diario nunha reportaxe para o The New York Times.

Anas Aremeyow Anas é un reporteiro de investigación ghanés que realiza desde hai máis de 10 anos reportaxes sobre dereitos humanos, utilizando o seu anonimato como ferramenta de investigación. No seu currículo figuran investigacións sobre abusos en orfanatos, subornos a policías, redes de trata de persoas ou corrupción entre a xudicatura do seu país.

Jesús Blasco de Avellaneda é un destacado xornalista, fotoxornalista, fixer e produtor español referente no xornalismo social que destaca polo seu traballo na fronteira sur de Europa. Centrado na defensa dos valores humanos, foi o primeiro xornalista en denunciar os abusos nas migracións sur-norte e en mostrar imaxes das expulsións irregulares de inmigrantes, o que lle valeu varias detencións e tamén numerosos premios.

Anabel Hernández, xornalista e escritora mexicana, reporteira fundadora de Reforma e Milenio e colaboradora do El Universal e Reporte Indigo. Tras investigar e denunciar as conexións entre o narcotráfico e a administración do seu país no libro Los señores del narco, está ameazada de morte e vive constantemente baixo a protección de dous gardacostas.

Reporteiros Sen Fronteiras é unha organización non gobernamental internacional de orixe francesa que defende a liberdade de prensa no mundo e, en concreto, aos xornalistas perseguidos pola súa actividade profesional. Os obxectivos son tres: vixilancia en todo o mundo; loita contra a censura e apoio e protección a xornalistas. Anualmente realiza un informe sobre a situación mundial da liberdade de prensa.

Olga Rodríguez é unha xornalista e escritora especializada en información internacional, Oriente Medio e Dereitos Humanos, que cubriu conflitos en Líbano, Afganistán, Iraq, os Territorios Ocupados Palestinos, Israel ou Iemen. No 2003, foi testemuña do ataque estadounidense que acabou coa vida de José Couso e traballou activamente na busca dunha investigación independente deste asasinato. 

Alberto Sicilia, xornalista, blogueiro e tuiteiro, coñecido como Principia Marsupia, colabora co diario Público e como freelance para outros medios. Desprazouse a escenarios de conflito como Gaza, Alepo ou Donetsk. Actualmente cobre a crise dos refuxiados sirios, sendo o pasado 14 de marzo retido en Macedonia por entrar no pais ilegalmente, e posto en liberdade tras pagar unha multa e ser expulsado do país.

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 19:00 horas do 12 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa o 19 de abril. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, de Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o 3 de maio no Teatro Jofre de Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. A Obra Social ‘la Caixa’ colabora desde 2012 coa iniciativa. As once edicións anteriores foron para Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

 

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia