Todas as novas

Cesar Hildebrant, o xornal italiano La Repubblica, Rosa Maria Molló, Ana Pastor e Wikileaks, candidatos ao VII Premio José Couso

Cinco candidaturas concurren este ano á VII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Novacaixagalicia. Os candidatos propostos son Cesar Hildebrand, o xornal La Repubblica, Rosa María Molló, Ana Pastor e WikiLeaks. Dende hoxe ábrese o prazo de votacións para que os colexiados do CPXG e o asociados do Club de Prensa de Ferrol elixan ao gañador/a, que se dará a coñecer o 8 de abril.

Sobre os candidatos

César Hildebrant está considerado un dos xornalistas máis importantes do Perú no últimos trinta anos e un dos de maior credibilidade. Os seus primeiros pasos foron nos xornais Expreso, Correo e Última Hora; foi xefe de informativos no semanario Caretas e dirixiu a revista Sí e o xornal Liberación. Na televisión presentou os programas máis importantes de xornalismo político e tamén en radio. Regresou á prensa escrita en abril de 2010 con Hildebrandt en sus trece, xornal independente e financiado exclusivamente polos seus lectores e seguidores.

O xornal La Repubblica, dirixido na actualidade por Ezio Mauro, é un dos máis importantes diarios italianos de información xeral que se imprime e edita en Roma, e ademais, o único que ten unha ampla difusión en toda Italia. Foi fundado nesta cidade en 1976 polo Grupo Espresso, liderado por Eugenio Scalfari e Carlo Caracciolo, e o Grupo Mondadori. Dende fai algún tempo mantén unha posición crítica contra o goberno italiano, o que lle está acarreou diversos conflitos. En 2009, e despois do inicio de acción legais do presidente Berlusconi contra o diario, La Repubblica publicaba que o ataque do que era obxecto "é interpretable só como unha tentación de reducir ao silencio a liberdade de prensa, de anestesiar á opinión pública, de illar da circulación internacional a información, en definitiva de facer do noso país unha excepción da democracia".

Rosa María Molló traballa en TVE desde 1989. Empezou no Centro Territorial de Cataluña como reporteira e despois editora, codirectora de programas de actualidade e presentadora de espazos de debate e de Informativos diarios. En 2001 foi unha das enviadas especiais de TVE á guerra de Afganistán e ao seu regreso entrou a formar parte do equipo de investigación do programa Línea 900. En 2008 tomou a corresponsalía de Pequín que deixara. Actualmente está de enviada especial no Cairo, no que sufriu, entre outros xornalistas, ás agresións dos dos partidarios de Mubarak, e nos países musulmáns onde se están a producir revoltas populares.

A xornalista madrileña Ana Pastor desenvolve o seu traballo en TVE onde presenta dende 2009 Los desayunos de TVE, espazo que conseguiu unha gran aceptación entre o público, líder na súa franxa horaria en outubro de 2010. Traballou en prensa escrita, televisión, en RNE e na axencia EFE. En 1999 comezou a traballar para a Cadena SER. Alí formou parte do equipo de Iñaki Gabilondo e especializouse en información internacional. Foi enviada especial no desastre no tsunami do sueste asiático e nos atentados do 7-X de Londres, e cubriu informacións en Paquistán, Afganistán, Níxer, Senegal, Guinea Ecuatorial, Gambia, Liberia e Serra Leona.

A ultima candidata é a organización internacional sen ánimo de lucro WikiLeaks, que foi creada en 2006 polo australiano Julian Assange, e ten por obxectivo proporcionar ás cidadáns noticias e informacións importantes que consegue grazas a filtracións ás que ofrece total anonimato e que publica a través do seu sitio web. En outubro de 2010 fai público os Documentos da Guerra de Iraq, pero é en novembro do mesmo ano cando se produce a maior filtración de documentos secretos da hisoria. Trátase dunha colección de 251.187 cables ou comunicacións entre o Departamento de Estado estadounidense coas súas embaixadas por todo o mundo (United States diplomatic cables leak, Cablegate ou Secret US Embassy Cables) que WikiLeaks proporcionou aos diarios The Guardian, The New York Times, Le Monde, El País e ao semanario Der Spiegel. Dende eso momento producese un bloqueo á web de Assange.

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden desde hoxe ata o 31 de marzo votar na intranet de www.xornalistas.com. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.com.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa o 8 de abril, cando se cumpren oito anos do asasinato de José Couso. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, de Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o 5 de maio en Ferrol.

CPXG