Todas las noticias

Mònica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija, candidatos ao XVIII Premio Couso

O Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, anuncia as candidaturas da súa décimo oitava edición, na que ten unha gran presenza o actual conflito entre Rusia e Ucraína. Á edición deste ano concorrerán Mònica Bernabé, xornalista destacada polo seu traballo en Afganistán; Pablo González, informador encarcerado en Polonia baixo a acusación de espionaxe; Víctor Guerrero, enviado especial da televisión pública á guerra de Ucraína; e Érika Reija, correspondente da TVE en Moscova até a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico. 

As candidatas e candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as catro candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar  todos os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol ata as 14.00 horas do 7 de abril.

Sobre as candidaturas

Mònica Bernabé é unha comunicadora catalá coñecida especialmente polo traballo que desenvolveu como xornalista en Afganistán, onde viviu case oito anos, e polo seu labor como defensora dos dereitos humanos nese país. Na actualidade, é responsábel da sección de Internacional do xornal Ara.
 
Pablo González é un xornalista e politólogo vasco especializado na información da órbita ex soviética. Mentres informaba sobre o Donbass, foi acusado de "prorruso" polos servizos secretos ucraínos e convidado a abandonar o país. De volta en Polonia, cubría a chegada de refuxiados cando foi detido pola intelixencia dese país. Actualmente encóntrase no cárcere de Rzeszów, acusado dun delito de espionaxe.
 
Victor Guerrero, informador asturiano cunha ampla traxectoria nos medios públicos estatais, cubriu recentemente a guerra de Ucraína como enviado especial para Televisión Española. As súas informacións destacan polo rigor, o achegamento ás historias persoais que hai por tras dos enfrontamentos e unha continua cobertura da actualidade do conflito.
 
Érika Reija, xornalista luguesa experta no mundo árabe, traballa na sección internacional dos servizos informativos de TVE desde o ano 2004. O pasado 5 de marzo, abandonaba a correspondencia de Moscova, que ocupaba desde o 2017, logo de que Rusia aprobara unha lei que sanciona con até 15 anos de cadea a publicación de informacións que o goberno considere como falsas.
 
As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 7 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezasete edicións anteriores foron para Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

WEB DO PREMIO COUSO

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia