Todas as novas

Daniel Anido e Rodolfo Irago, Enric González, Manuel Rivas e Kurt Westergaard, candidatos ao VI Premio José Couso

Catro candidaturas optan ao VI Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. Os candidatos son Daniel Anido e Rodolfo Irago, Enric González, Manuel Rivas e Kurt Westergaard. Ademais, dende hoxe ábrese o prazo de votacións por correo para elexir ó gañador, que se dará a coñecer o 15 de abril.

Sobre os candidatos

Daniel Anido e Rodolfo Irago son director e redactor xefe da cadena SER, respectivamente; Anido incorporouse á SER como redactor de Radio Bilbao en 1987 sendo nomeado director da cadena SER no 2004. Rodolfo Irago comezou traballando en 1987 en Radio Ferrol, foi nomeado xefe de informativos da SER en Galicia de 1994 ata setembro do 2000, ano no que se trasladou a emisora central en Madrid asumindo en 2004 a xefatura de informativos. Recentemente, ambos os dous foron condenados por revelación de segredos nunha sentencia polémica que cuestionaba o dereito á información en Internet.

O xornalista catalán Enric González viviu como correspondente de El País en Londres, París, Washington e Nova York; publicou diversas obras, entre as que figura Historias de Londres, Historias de Nueva York e Historias del calcio, e recibiu os premios Cirilo Rodríguez, Francisco Cerecedo e o Premio de Xornalismo Ciutat de Barcelona; actualmente leva a corresponsalía en Xerusalén de El País.

O xornalista e escritor Manuel Rivas é autor de diferentes novelas, libros de poesías e relatos cortos, así como ensaios. Entre as súas obras figuran Que me queres, amor?, A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro. Actualmente é colaborador de El País. Rivas é socio fundador de Greenpeace en España, e ocupou cargos directivos na organización durante varios anos. Durante a catástrofe do Prestige, participou na creación da plataforma cidadá Nunca Máis.

Kurt Westergaard é o autor das famosas caricaturas de Mahoma que apareceron no xornal danés e polas que está ameazado de morte. En alomenos dúas ocasións os radicais planearon o seu asasinato, recentemente em xaneiro deste mesmo ano. Traballou brevemente para o xornal Demokraten e actualmente é debuxante do Jyllands-Posten. Foi galardoado co Premio de Safo, outorgado pola Sociedade da prensa libre en Dinamarca.

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden desde hoxe, 2 de marzo, realizar o seu voto a través da intranet de www.xornalistas.com. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán votar enviando un mail co seu candidato a premiocouso@xornalistas.com. Deberán envíar a súa elección e incluír os seus datos persoais (nome, DNI e número de asociado). O voto non será válido se os datos non son correctos. O prazo remata o 6 de abril.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa o 15 de abril. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, de Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o 7 de maio en Ferrol e na que se contará un ano máis co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonia de Galicia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Caixanova, sensible ó desenvolvemento do exercicio profesional dos xornalistas, ofrece o seu apoio decidido para materializar a iniciativa. As cinco edicións anteriores foron para a xornalista catalana Rosa María Calaf (2009); o xornalista valenciano Vidal Beneyto (2008); o xornalista estadounidense Jon Lee Anderson (2007); o xornal francés Le Monde Diplomatique (2006) e o xornalista marroquí Ali Lmrabet galardoado na primeira edición en 2005.

Toda a información sobre o premio e as memorias cos datos dos candidatos están dispoñibles en www.xornalistas.com/couso.

CPXG / Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2010