Todas as novas

Daniel Anido e Rodolfo Irago reciben o VI Premio José Couso

Daniel Anido e Rodolfo Irago, xornalistas da Cadena SER, recibiron este venres en Ferrol o VI Premio José Couso de Liberdade de Prensa que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, en colaboración con Caixanova. O alcalde de Ferrol Vicente Irisarri Castro recibiu aos galardoados no salón de Recepcións da Casa do Concello. A continuación os dous xornalistas participaron nunha rolda de prensa na que tamén estiveron presentes o alcalde; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro; o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales; e director de Comarca Ferrol–A Mariña de Caixanova, José Ulfe Bugallo,.

Xan Morales, presidente do Club de Prensa de Ferrol, destacou que a sentenza contra Daniel Anido e Rodolfo Irago séntese coma un ataque contra a democracia participativa e a liberdade de prensa. Trasladou aos premiados os parabéns dos xornalistas ferroláns e galegos en xeral, que cos seus votos, outorgaron a Anido e Irago este VI Premio Couso.

O decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, sinalou que "os premiados deste ano representan a toda ou parte da profesión xornalística que considera que o seu obsectivo e investigar e difundir o resultado desa investigación, doa a quen lle doa". Referindose a sentenza condenatoria dos dous xornalistas manifestou que "unha sentenza así por informar de algo que, sengundo a propia sentenza, é verdade, é unha é unha condena ao dereito dos cidadáns a ter unha información veraz, un ataque directo inexplicable e inexplicado a un dos piares dun estado democrático".

José Ulfe Bugallo, director de Comarca de Ferrol e A Mariña, comezou a súa intervención lembrando que, no que vai de ano, nove xornalistas morreron e 168 foron encarcelados polo seu traballo. En nome da entidade financiera manifestou que "Caixanova se enorgullece de que este premio tan necesario chegue a súa sexta edición cun grande prestixio e recoñecemento". Trasladou en nome de Caixanova os parabéns para os premiados deste ano e non quixo rematar sen felicitar ás entidades organizadoras, ao Colexio de Xornalistas e ao Club de Prensa de Ferrol, pola súa profesionalidade. Neste sentido, resaltou o compromiso de Caixanova co galardón e co xornalismo, que se seguirá mantendo no futuro.

Daniel Anido fixo un chamamento á defensa do dereito á información. "O dereito a información, dixo, é un dereito colectivo. Un dereito que nin tan sequera nos pertence a nós, aos xornalistas, perténcelle aos cidadáns." Anido lembrou a Unamuno: "o xornalismo non pode calar, porque para nós os xornalistas calar equivale a mentir e a grande fortaleza do xornalismo, a súa supervivencia, pasa precisamente por seguir obrigados a contar a verdade máis incómoda".

Pola súa banda, Rodolfo Irago, destacou que aínda que recibiron o agarimo e a calor de moitos compañeiros, "esta tarde é distinta: estamos en Ferrol, na casa, para recibir un premio outorgado polos nosos compañeiros galegos e para recoller un premio tan especial e único como é o José Couso". Para Irago "o xornalismo é o mellor oficio do mundo; o xornalismo é compromiso, paixón e risco. Todo iso era José Couso, un exemplo, un orgullo e un símbolo para todos nós".

Finalmente, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri destacou a importancia que ten este premio para a cidade, e o apoio do goberno da cidade a unha iniciativa singular.

Concerto da Real Filharmonía

Os actos de conmemoración tiveron a súa continuidade na tradicional ofrenda froral que se fai cada ano na estatua Ás Ceibes de Manuel Patinha. Alí, o xornalista ferrolán e membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Tino Santiago, deu lectura a un manifesto. Nel salientou as ameazas que atacan ao xornalismo: "Entre nosoutros hai cada vez mais persoas que acaban o día sentíndose ben informadas sen atoparse con ningunha opinión que lles leve a contraria, que contradiga os seus prexuízos. Esténdese por todo o mundo ese lector que, coma os adolescentes consentidos, non soporta nin a máis mínima negativa aos seus desexos. Esta nova demanda crecente está minando os principios sobre os que se supuña que se construía o noso oficio. O contraste das fontes, a pluralidade de opinións, redúcese hoxe a unha simple aparencia."

O Teatro Jofre acollerá a partir das 20:00 horas a entrega do premio e o concerto da Real Filharmonía de Galicia. Coa xornalista María Pan como conductora do acto, Anido e Irago recibirán o galardón de mans do director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, quen estará acompañado do decano do CPXG e o presidente do Clube de Prensa de Ferrol.

A xornalista Belén Regueira inservirá no nome da organización. "Ningún dereito se gaña de todo nin para sempre", sinala no seu texto. "A liberdade de prensa é un bo exemplo. En boa parte do mundo nin sequera existe formalmente, e onde existe, enfróntase a moitos atrancos e ameazas, cruentas ou non". En alusión aos premiados comenta: "a liberdade de prensa está ameazada polas sentenzas que nunha sociedade democrática inhabilitan xornalistas e pechan medios de comunicación, polos vellos deuses e polos novos, pola precariedade laboral e o paro, pola perda de importancia do capital humano nunhas empresas periodísticas que só saben combater a crise aforrando en periodistas, polo triunfo da comunicación e da propaganda sobre o xornalismo, pola anunciada morte da realidade a mans dun simulacro máis simple, máis espectacular, menos incómodo e que proporciona maiores beneficios económicos".

A Real Filharmonia de Galicia porá o broche de ouro aos actos de entrega. Da man de Maximino Zumalave, interpretará por cuarto ano consecutivo o Concerto da Liberdade, cunha estrea mundial de Paulino Pereiro. Roberto Baltar actuará como solista ao óboe.

Os gañadores desta edición do premio, Daniel Anido, director da cadena SER, e Rodolfo Irago, xefe de informativos da mesma emisora, enfrentanse á unha discutida sentencia que os condena a un ano e nove meses de prisión e penas accesorias de inhabilitación especial para a dirección de medios de comunicación e o exercizo da actividade xornalista e a inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo que dure a pena privativa da liberdade imposta por "revelación de secretos". No seu día o CPXG emitiu un comunicado onde expresaba a súa fonda preocupación pola sentencia contra periodistas da SER e se solidarizaba cos afectados.

Anido e Irago foron elixidos entre as catro candidaturas presentadas este ano por os e as xornalistas do CPXG e do Club de Prensa. Os outros tres candidatos eran o xornalista do El País, Enric González; o escritor e xornalista galego, Manuel Rivas e o caricaturista do xornal danés Jyllands-Posten, Kurt Westergaard.

Anteriormente foron galardoados con este premio o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson, o valenciano José Vidal-Beneyto, recentemente falecido, e a xornalista catalana Rosa María Calaf.

Ferrol, 7 de maio de 2010
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia