Todas as novas

Defende A Galega: "Os medios públicos son os de todos os que queremos estar informados"

Os comunicadores da CRTVG Tati Moyano e Carlos Jiménez, en representación de Defende A Galega, recollen hoxe en Ferrol o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Jiménez asegurou que a de Defende A Galega "é unha reivindicacion de toda a sociedade, e este premio é unha forma de visibilizala".

Tati Moyano e Carlos Jiménez, dous profesionais da Compañía de Radiotelevisión de Galicia expedientados tralo seu apoio aos venres negros participaron esta tarde nunha conferencia de prensa posterior á recepción institucional no Concello de Ferrol en representación de Defende A Galega, XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Os comunicadores estiveron acompañados pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria; e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.

Carlos Jiménez salientou que a súa presenza en Ferrol non é "como individuos sino como representacion de moita xente que virá ao Jofre e outra que está a traballar". A de Defende A Galega, nas súas palabras, "é unha reivindicacion de toda a sociedade, e este premio é unha forma de visibilizala".

Moyano, pola súa banda, agradeceu o premio "porque é o recoñecemento a un cadro de persoal que todos os venres reclama que se cumpra a Lei de Medios de 2011, coa creacion dun Consello de Informativos que garanta a liberdade de informacion". "Os medios públicos", asegurou, "son os medios de todos os que queremos estar informados, que é un dereito fundamental". Neste sentido, realizou un balance positivo dos venres negros, que este Día da Liberdade de Prensa fan o número 50, "por ser un símbolo de unidade". 

Ofrenda floral e actos no Teatro Jofre

Ás 19:00 horas vai realizarse a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde Sabela Direito, representante das novas xeracións de xornalistas, será a encargada de ler o manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, redactado por ela mesma, que chama a "arrincar a esperanza dos brazos do conformismo" contra "unha práctica que conserva o nome" do xornalismo, "pero que nada ten que ver nin cos principios, nin cos valores da profesión mesma".

A partir das 19:30 horas, o Teatro Jofre acollerá o acto de entrega do galardón, conducido pola comunicadora Rebeca Collado. No transcurso da gala, a xornalista Patricia Hermida dará lectura a un texto realizado en nome da organización do certame, que reivindica un xornalismo valente e feminista. A continuación, Tati Moyano e Carlos Jiménez recollerán o galardón desta XV Edición do Premio José Couso, outorgado a Defende A Galega, de mans de Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Tras a entrega, dará comezo o tradicional Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do grupo Petit Swing.

A candidatura premiada

O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais.

Esta loita do persoal, sen precedentes nos medios públicos galegos, conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de intormación, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos. Defende A Galega converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega.

Ao longo destes meses, Defende A Galega realizou numerosas mobilizacións que inclúen a manifestación Pola dignidade dos medios públicos o 8 de setembro do ano pasado, paros parciais en varias xornadas de novembro e decembro ou unha folga de 24 horas o pasado 19 de decembro. Nese tempo, a Comisión de Regulamento do Consello de Administración da CRTVG puxo en marcha o debate sobre a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos que dispón a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, pero tamén se produciron expedientes e desprazamentos de traballadores críticos que foron vistos como represalias ao labor reivindicativo de Defende A Galega.

Defende A Galega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 3 de maio de 2019
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia