Todas as novas

Discurso de agradecemento do XIX Premio José Couso

Moi boas tardes. Recollo humildemente este premio, esta honra, no meu nome pero compartido a partes iguais con Miguel Rodellar, Yaroslav Vigul e Andrii Vusatii. Eles foron os meus compañeiros deste último ano, os operadores de cámara, sen eles non sería posible boa parte do meu traballo.

Isto sérveme para agradecerlles o seu traballo a todas e todos os cámaras, produtores, operadores de satélite que teñen traballado comigo sobre o terreo durante estes case 30 anos que levo no oficio.

Por suposto grazas aos compañeiros e compañeiras do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Asociación de Prensa de Ferrol. Non sabedes o que significa para min que forades precisamente vós, compañeiros e compañeiras, os que decidirades que algo bo hai no meu traballo.

Un agradecemento moi especial tamén a Asociación da Prensa de Lugo e os paisanos do Colexio que sempre me teñen apoiado, axudado e, mimado tanto. Gracias, Orestes, Dolores, Mari.

Mamá, papá, familia, amigas e amigos, GRACIAS.

Eu non estaría aquí se non fora polo voso apoio continuo, pero tampouco sen a axuda dos que me aprenderon o oficio e confiaron en min: Ana Isabel, Luisa, Carme, Alfonso Riveiro, Marga Soilán,, Kepa Pagazartundúa, Wilfred Oehling, editores, coordinadores, redactoras, fotógrafos, realizadoras, técnicos de son etc. dos medios cos que colaboro, porque o meu é tan só un anaco pequeno do relato elaborado por todas elas e eles.

Grazas ao pobo ucraíno, Natalia, que está a dar un exemplo de resistencia e loita polo seu que é de admiración, e a todas e todos os voluntarios que dun xeito ou outro colaboran e arriscan as súas vidas para que este pesadelo remate canto antes.

A José Couso asasinárono fará pasado mañá 20 anos. Asasinárono a sangue frío, no medio dun conflito si, pero o tanque norteamericano foi por el e polo resto de compañeiras e compañeiros que estaban no hotel Palestina. Quixeron calarnos. Non o conseguiron, malia ao altísimo prezo que pagamos.

Á familia de Jose todo o meu cariño. Pero non abonda o cariño, temos que esixir XUSTIZA. Sabemos quen deu a orde, sabemos quen premeu o botón que acabou coa vida dos nosos compañeiros. Temos que esixirlle aos nosos lexisladores que permitan que se faga xustiza aquí en España. Sei que os tempos políticos e os da diplomacia son ben distintos aos nosos, pero non calaremos ata sentar nun xuízo os que cometeron eses crimes. Para min é unha honra, un privilexio e unha grandísima responsabilidade que o meu nome quede ligado para sempre ao de José Couso.

Xa remato cun só apuntamento que se cadra tería que ter ido no manifesto que vos lin antes, pero acontecementos destes días volveron lembrarmo. O que?

Vivimos nun país, comunidade autónoma, rexión, como lle queirades chamar no que temos dous idiomas. Eu teño a sorte de poder traballar nos dous. Temos que esixir respecto por eles, polos dous, non é de recibo que unha crónica escrita en Galego se publique traducida ao castelán polo Google Translate -unha ferramente marabillosa que me sacou de moitos apuros- pero que non é xornalista. E viceversa, a versión en galego dun xornal non pode ser a mera tradución dun robot, porque esas ferramentas non entenden de ironía, de xiros nin da humanidade que moitas veces poñemos nos nosos textos. Máis dunha vez teño lido en xornais de moita tirada frases como "aquí la vida no vale un perro" ou "no doy llegado" asinado co meu nome. Respecto por favor, ao noso traballo e as nosas línguas.

Marcos Méndez
XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa