Todas as novas

Jon Lee Anderson acada o III Premio José Couso

O xornalista norteamericano Jon Lee Anderson foi proclamado hoxe gañador do III Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. O fallo deuse a coñecer esta mañá na Galería Sargadelos de Ferrol nun acto no que se anunciou tamén a actuación da Real Filharmonía de Galicia no programa de actos de entrega do galardón o vindeiro día 2 de maio.

O presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, quixo lembrar na súa intervención ó xornalista que dá nome ó premio, José Couso, e as circunstancias do seu falecemento.

Morales salientou o esforzo da familia de José Couso por facer xustiza e amosou o apoio da organización e do premio nesta loita. Segundo o presidente do Club de Prensa "Ferrol converteuse de novo na capital do xornalismo".

O secretario do premio, Darío Janeiro, deu lectura da acta, asinada polo notario D. Héctor Pardo García, do Ilustre Colexio de Notarios de Galicia, co número 1.020. O gañador do premio elísexe por votación universal entre os colexiados do CPXG e os asociado do Club de Prensa de Ferrol.

Janeiro felicitou á familia, amigos e compañeiros de José Couso por conseguir que o Tribunal Supremo reabrise a investigación xudicial polo seu asasinato e lembrou que "o pasado domingo, día 8 de abril, se cumpriron catro anos do asasinato do camarógrafo galego no hotel Palestina de Bagdad, a mans de tropas estadounidenses".

"Catro anos despois -engadiu-, familiares, compañeiros, amigos e cidadáns séguense reunindo en gran número diante da Embaixada de Estados Unidos, para reclamar unha xustiza que aínda non chegou".

A continuación, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Vega, quixo felicitar ós colexiados do CPXG e ós membros do Club de Prensa de Ferrol, por acertaren co candidato elixido, porque "repasando o seu currículo profesional, descubrimos que foi desde sempre un xornalista que exerceu a súa profesión a partir dun compromiso cos valores democráticos e da dignidade das persoas e dos pobos".

Ó seu xuízo, Jon Lee Anderson simboliza a función dun xornalista como contrapoder, "nos casos nos que o poder atentou contra eses valores e esa dignidade", afirmou Vega.

Aproveitando o fallo do premio, O decano quixo engadir que, no caso da invasión de Iraq por Estados Unidos e os seus aliados, "Anderson denunciou, desde o primeiro momento que era un ataque ilegal e ilexítimo que atentaba contra a dignidade e a vida das persoas que alí estaban, entre elas tamén as que cumplían coa súa función democrática de informar, como era o caso de José Couso".

O decano do CPXG expresou tamén o seu desexo de que os sucesivos premiados, así como Ali Lmrabet e Le Monde Diplomatique, e agora Jon Lee Anderson, se convirtan no modelo profesional que todos eles representan e que sirvan de guía ós profesionais do Xornalismo galego, ós cidadáns, "quen deben saber que tipo de xornalistas teñen dereito a esixir; e tamén ós poderes públicos, para que visualicen mellor cal é a función dun xornalista nunha democracia".

Ademais, no acto estiveron presentes o Director comercial de Caixanova na Coruña e Lugo, Luis Vela Alarcó, e o Concelleiro de Cultura de Ferrol, Xosé Manuel Couce Fraguela. Ambos reiteraron o apoio das entidades que representan ó Premio José Couso, e a vontade de que se celebren moitas máis edicións deste galardón.

Jon Lee Anderson, que desenvolve o seu traballo no The New Yorker, ten publicados en España varios magnificos libros de lectura obrigada como son Una vida revolucionaria, biografía do Che Guevara, ou o impactante La caida de Bagdad, polo que obtivo o premio Reporteiros do Mundo.

XORNAL
A CORUÑA