Todas as novas

Jon Lee Anderson recibe o Premio José Couso á Liberdade de Prensa, que alcanza a súa terceira edición

O xornalista norteamericano Jon Lee Anderson, cronista de The New Yorker, resultou galardoado na III edición do Premio José Couso á Liberdade de Prensa que se fallou á unha deste mediodía en Ferrol, cidade natal do cámara de televisión asasinado en Iraq en abril do 2004. Darío Janeiro, secretario do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, que xunto ó Club de Prensa de Ferrol e Caixanova impulsaron en 2004 a creación do certame, deu lectura á acta do xurado nun acto que se desenvolveu este mediodía na galería Sargadelos de Ferrol.

Janeiro manifestou que tralo reconto dos votos emitidos en votación aberta e segrega polos xornalistas colexiados galegos e os membros do club de prensa de Ferrol, o galardón recaeu con «maioría suficiente» no cronista norteamericano.

A organización do certame destacou a experiencia e profesionalidade de Anderson, con máis de 30 anos de experiencia na profesión e «a súa constancia e coherencia na busca da verdade».

O 2 de maio en Ferrol

Anderson, a quen xa se lle comunicou a concesión do recoñecemento, recibirá o galardón no Teatro Jofre de Ferrol nun acto que terá lugar o 2 de maio, véspera do Día Mundial da Liberdade de Prensa.

LA VOZ DE GALICIA / AXENCIAS
FERROL