Todas as novas

Jordi Évole gaña o XI Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O xornalista e presentador Jordi Évole foi proclamado hoxe gañador da XI Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que, un ano máis, organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. O fallo deuse a coñecer esta mañá na sede de la Caixa na Coruña, nun acto que contou coa intervención do propio premiado en conferencia telefónica. O acto comezou coa intervención do presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López, quen salientou que o Club de Prensa de Ferrol e o CPXG levan once anos organizando este premio e farán o que faga falta para continuar con el. Siro agradeceu á obra social de laCaixa a sua inestimable axuda co Premio e tivo un recoñecemento para o xuíz Santiago Pedraz pola súa ética e loita pola resolución do asasinato de José Couso. Lembrou ademais que o 26 de maio terá lugar a entrega do premio en Ferrol, que, como cada ano, irá acompañada do Concerto pola Liberdade, este ano a cargo do quinteto ‘Hercules Brass’.

A continuación, o secretario do premio, Darío Janeiro deu lectura á acta do fallo, asinada polo señor notario D. Héctor Pardo García, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. Abertos e recontados os votos, este levantou acta do resultado entre os cinco candidatos que optaban ó galardón, resultando vencedora por maioría e sen necesidade de voto de calidade do presidente do premio, a candidatura de Jordi Évole. Como cada ano, a candidatura gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. Janeiro destacou que "agora máis que nunca, son importantes actos como este para reivindicar que o noso dereito á liberdade de expresión e de información non é negociable".

"Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, afirmou que "é moi bo sinalar que algo feito por xornalistas chegue á undécima edición e tamén é revelador dos tempos que vive a profesión que o premiado sexa alguén que non sofre a falta de liberdade de prensa senón que a ten, porque a foi conquistando día a día". "O que os xornalistas premian", asegurou, "é a envexa sá de marcar a axenda e non de que nola marquen".

Pola súa banda, Marc Arthur Benhamou, Director territorial de ‘la Caixa’ en Galicia, salientou que o premio Couso "é, sen dúbida, o máis importante que se outorga en Galicia no eido do xornalismo". Benhamou reafirmou o compromiso da Obra Social de "la Caixa" coa liberdade de expresión, realizando moitas iniciativas que apoian o seu exercicio, pero tamén apoiando outras iniciativas que considera de interese, como a do premio José Couso.

O acto finalizou cunha comunicación telefónica co premiado, que dixo sentirse honrado polo galardón porque "José Couso é un símbolo a nivel internacional para toda a profesión". Évole aseurou que se considera un "privilexiado porque ten a forza da xente que ve o seu programa" e iso dálle "a liberdade de escoller os temas e de pelexar por eles". O premiado opinou que "os que teñen ese privilexio teñen que exercelo por moitos outros que non poden, de xeito que se poda ir abrindo camiño". Jordi Évole confirmou tamén a súa asistencia aos actos de entrega do premio, que terán lugar o vindeiro 26 de maio en Ferrol.

O premiado

Jordi Évole Requena (Cornellá de Llobregat, 1974) é xornalista, presentador, guionista de televisión e tamén escribe artigos de opinión. Estudou Comunicación Audiovisual na Universidade Autónoma de Barcelona, UAB, comezando a traballar como locutor de partidos de fútbol no programa Carrusel Catalunya, de Radio Barcelona. Seguidamente, traballou nos Informativos de Telecinco, da Cadena SER e como videoxornalista na televisión local Viladecans Televisió.

No ano 2000 entra na produtora El Terrat como guionista do programa La Cosa Nostra, de Andreu Buenafuente. Logo foi subdirector do programa Buenafuente, en La Sexta, onde destacou interpretando ao seu personaxe máis famoso: El Follonero.

En 2008 estrea Salvados, un programa que mestura reporteirismo atrevido cunha perspectiva irónica e que foi evolucionando cada vez máis cara á información-denuncia. Ao longo da súa traxectoria viuse en ocasións ameazado, e noutras presionado para non emitir determinadas reportaxes.

O seu estilo particular e o éxito de audiencia fíxoo merecedor de diversos Premios (Ondas, Iris, Antena de Ouro, Premio Internacional de Xornalismo Manuel Vázquez Montalbán, entre outros moitos).

Jordi Évole sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013) e Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014) foron ata agora os galardoados coa estatuiñas das ‘Ás Ceibes’

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

A Coruña, 7 de maio de 2015
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia