Todas as novas

Kristinn Hrafnsson recolleu o VII Premio José Couso en nome de WikiLeaks

O actual voceiro de WikiLeaks, o islandés Kristinn Hrafnsson, recolleu en Ferrol o VII Premio José Couso de Liberdade de Prensa que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, en colaboración con Novacaixagalicia. Hrafnsson, que estivo acompañado por Sarah Harrison, asesora de Julian Assange, salientou como un dos méritos principais da súa organización a posta en marcha dun novo modo de dar a coñecer segredos e documentos que precisan ver a luz, un modelo que xa está sendo imitado por outros organismos e medios de comunicación, tanto a nivel global como rexional.

No transcurso dunha rolda de prensa no Concello da cidade departamental, o voceiro de WikiLeaks agradeceu a concesión do premio por dous motivos. O primeiro, por ser un galardón concedido polos colegas xornalistas e, o segundo lugar, por "renderlle homenaxe á memoria de José Couso". Engadiu que "a morte de Couso en Irak ten que ser motivo de lembranza para todos os xornalistas que traballan en zonas de conflicto". "Os cables publicados por El País e outros xornais europeos e norteamericanos, e que rebelaron información sobre este crime, foron importantes para nós", continuou Hrafnsson, "porque contribuíron a reabrir o caso e porque poden axudar a resolvelo". "O peche deste proceso non só será bó para a familia, senón tamén para os xornalistas que traballan en zonas de conflito e en xeral para toda a profesión", apuntou.

A preguntas de xornalistas sobre a recente operación que rematou coa vida de Osama Bin Laden e sobre se os papeis de Guantánamo axudaron a propiciar este fin contestou que "segundo os nosos informes o Pentágono xa tiña informacións sobre o mensaxeiro dende fai dous anos". Hrafbsson resaltou as sombras sobre a operación militar, especialmente a non publicación de ningunha imaxe sobre o cadáver do líder de Al Qaeda.

O voceiro de Wikileaks denunciou a presión que segue sufrindo a organización cun "exército de avogados" tratando de buscar calquera cousa que poida levalos diante dos tribunais, cousa que non conseguiron. Igualmente, Hrafbsson laoiuse do afogamento financieiro ó que están sendo sometidos por parte de entidades bancarias internacionais.

No mesmo acto, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, afirmou que vivimos nuns "tempos nos que os medios son en moitos casos simples taboleiros da información que producen os gabinetes de prensa e que se publican sen facer as comprobacións necesarias", situación provocada en grande medida pola maneira en que actúan as empresas xornalísticas cos traballadores e coa organización do producto que realizan. "Que una organización sen ánimo de lucro", continuou Pereiro, "asuma ese papel de coller información, confirmala e contrastala, comprobar que non afecta a terceiros e difundila, é algo como para poñerse colorados, pero tamén é una honra para o xornalismo, para este labor ingrato, mal pagado e ás veces confundido, que consiste en contar algo que alguen non quere que se saiba e a maioría da xente quere saber".

O presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales, afirmou pola súa banda que "nestes momentos o xornalista como administrador do dereito a información está en entredito, xa que hai problemas para que exerza este dereito. Neste contexto aparece unha organización como WikiLeaks para colocar a información nun contexto globalizado". Na rolda de prensa tamén estivo presente Rafael Montero, o Director de Zona de Novacaixagalicia en Ferrol, quen dixo sentirse especialmente orgulloso de que a súa entidade leve apoiando o premio dende os seus inicios porque "a saúde dunha sociedade pódese medir tamén pola saúde do xornalismo".

Os actos continuaron cunha recepción oficial no Concello, onde Kristinn Hrafnsson asinou no libro de honra da cidade.

Concerto no Teatro Jofre

A xornada tivo a súa continuidade na tradicional ofrenda froral que se fai cada ano na estatua Ás Ceibes de Manuel Patinha. Alí, o xornalista e primeiro decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé María García Palmeiro, deu lectura a un manifesto. Nel salientou que "non poucos pagaron, e pagan, coa vida o exercicio da actividade profesional e este Día Mundial da Liberdade de Prensa que hoxe celebramos, e que cumpre dezaoito anos desde a súa institucionalización en 1993, ven sendo tamén, por desgracia, un reconto de crimes e traxedias, de silenciamentos e agravios aos xornalistas e á cidadanía en moi amplas zonas do ancho mundo". Palmeiro engadiu que "por iso tamén estamos aquí, como cada ano, ininterrumpidamente desde o 2005. Con ese compromiso cívico quixo o CPXG, ao que pertenzo e do que me honro de ter sido o seu primeiro Decano, darlle forma a esta celebración e crear un premio simbólico, reivindicativo e memorialístico co nome do compañeiro, do colega, do amigo José Couso."

O Teatro Jofre acolle dende as 20:30 horas a entrega do premio e o concerto da orquestra GAOS, dirixida por Fernando L. Briones. Coa xornalista María Meizoso como conductora do acto, Kristinn Hrafnsson e Sarah Harrison recibirán o galardón. A xornalista da Cadena COPE Xulia Díaz Sixto intervirá no nome da organización.

Kristinn Hrafnsson é un xornalista de investigación islandés que ten máis de 20 anos de experiencia, principalmente na radiodifusión. Nos últimos anos ten traballado en programas de televisión de investigación, tanto para a radiotelevisión pública islandesa como para canles de televisión privadas. Foi galardonado por tres veces co Premio da prensa islandesa. Hrafnsson traballou con Wikileaks na preparación do lanzamento do vídeo "Asasinato colateral" en abril de 2010 e viaxou a Bagdad para recoller o material antes do lanzamento. En agosto do ano pasado pasou a traballar para Wikileaks a tempo completo.

WikiLeaks foi elixido entre as cinco candidaturas presentadas este ano por os e as xornalistas do CPXG e do Club de Prensa. Os outros catro nominados eran César Hildebrant, o xornal italiano La Repubblica, Rosa Maria Molló e Ana Pastor. Con WikiLeaks xa son sete os galardoados co Premio das Ás ceives. Ademais da organización de Julian Assange, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le Monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010).

Este galardón naceu no ano 2005 e está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración de Novacaixagalicia.

CPXG