Todas las noticias

Miguel Ángel Aguilar: “O primeiro compromiso do xornalista ten que ser coa vixencia das liberdades”

O xornalista Miguel Ángel Aguilar recolle hoxe en Ferrol o XII Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O galardón está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. 

A rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello da cidade departamental foi aberta polo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, quen deu a benvida ao premiado e a organización do premio, ademais de aos familiares de José Couso alí presentes. 

A continuación, Siro López, presidente do Club de Prensa de Ferrol, deu lectura a un artigo de José Picado en homenaxe a Miguel Ángel Aguilar, un “mociño de 73 anos” dedicado a achegar a actualidade “cun punto de humor e sempre coa dignidade propia do xornalista que defende contra vento e marea a súa independencia e liberdade”.

O director territorial de ‘la Caixa’ en Galicia, Marc Arthur Benhamou, salientou que este ano se premia “unha longa e frutífera carreira, ademais de libre e independente”, e sumouse á homenaxe dos xornalistas galegos a Aguilar. 

Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, afirmou que este ano se votou “o mérito de reinventarse” e de ter “o ánimo, o valor e os amigos” para lanzar un medio, “apostando polo xornalismo independentemente do soporte”. 

Miguel Ángel Aguilar agradeceu o galardón á organización e ao conxunto dos xornalistas galegos e expresou o seu convencemento de que “as liberdades ninguén nolas regalou, houbo que conseguilas, alcanzáronse coa determinación e a loita de moita xente”. O premiado afirmou que estas liberdades “están permanentemente sometidas a un proceso de corrosión”, polo que “o primeiro compromiso do xornalista ten que ser coa vixencia das liberdades” e é “fundamental que saibamos que existen estes axentes” que vixían para que sigan en vigor. 

O premiado asegurou que “estamos inundados por fragmentos noticiosos desconcertantes” e que do mesmo xeito que nunha inundación física falta auga potable, a tarefa do xornalista ten que ser dar “auga en medio desa inundación informativa” ofrecendo o que falta: “noticias depuradas, contextualizadas, contrastadas”. 

Unha vez rematada a rolda de prensa, ás 13:00 horas realizouse a tradicional ofrenda floral na estatua Ás Ceibes de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns. Alí depositáronse flores en lembranza de José Couso e os e as xornalistas asasinados mentres realizaban o seu labor, e deuse lectura ao texto da ofrenda a cargo da xornalista ferrolá Puri Rodríguez.

Xornalismo na Escola no IES Sofía Casanova

A primeira hora da tarde, Miguel Angel Aguilar vai participar como convidado de honra nun obradoiro de ‘Xornalismo na Escola’, impartido pola xornalista Rebeca Romero para o alumnado de 4º da ESO do IES Sofía Casanova de Ferrol. Con esta colaboración especial péchase o ciclo ‘Xornalismo na Escola’, que levou máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. 

Deste xeito conflúe o Premio José Couso coa iniciativa ‘Xornalismo na Escola’, posta en marcha este ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ co fin impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

Acto de entrega e Concerto da Liberdade no Teatro Jofre

A partir das 20:00 horas da tarde, o Teatro Jofre acollerá o acto de entrega do galardón, conducido pola xornalista Cláudia Morán. No acto, vai darse lectura ao texto en nome da organización, redactado nesta ocasión polo xornalista Fran P. Lorenzo co título ‘Nacer todas as mañás’. Neste texto saliéntase que “nunca a misión suprema do xornalismo foi tan complexa e, á vez, tan necesaria” e advírtese contra unhas “empresas xornalísticas que son, hoxe, a eficaz correa de transmisión dun poder político e económico, satisfeito coa nosa docilidade e a nosa indefensión”.  

A continuación, Miguel Ángel Aguilar recibirá o galardón desta XII Edición do Premio José Couso de mans de Marc Arthur Benhamou, Director Territorial de "la Caixa" en Galicia. Tras a entrega, ás 20:30, dará comezo o  tradicional Concerto da Liberdade, interpretado este ano por Nani García Trío.

O premiado

Miguel Ángel Aguilar (Madrid, 1943) é un veterano xornalista e o Secretario Xeral da Asociación de Xornalistas Europeos. Dende 1980 ata 2015, desenvolveu o seu traballo como columnista de El País, xornal do que foi cesado o pasado mes de novembro como consecuencia de criticar o diario nunha reportaxe para o The New York Times. 

Graduado en 1969 na Escola Oficial de Xornalismo, Miguel Ángel Aguilar comezou na profesión en xaneiro de 1967 no diario Madrid, e apenas un mes despois foi procesado polo Tribunal de Orde Pública como autor dun editorial sobre os disturbios universitarios, causa da que saíu absolto. Trala desaparición do Madrid en 1971 por orde gobernamental, incorpórase a Cambio 16, medio do que será director de 1978 a 1980. En 1980 entra a traballar no diario El País, onde exercerá de correspondente político, correspondente diplomático e columnista. En 1981 funda a sección española da Asociación de Xornalistas Europeos e entre 1986 e 1990 é director da Axencia EFE.

En novembro de 2015 realiza unha crítica no The New York Times contra a coacción que se producía no El País por mor da presenza no Consello de Administracion de representantes do poder como o goberno de Qatar ou Telefónica. Na reportaxe, Aguilar afirma que "os xornais están nas mans dos acredores e tamén nas dun Goberno que os axuda a convencelos de que os xornais deberan seguir vivos incluso cando estean asfixiados polas débedas” e que "traballar en El País era un soño de calquera xornalista, pero agora hai xente que se vai coa sensación de que a situación acadou niveis de censura”, chegando á conclusión de que estamos “quizais no peor momento para a liberdade de expresión en España dende a morte de Franco”. Uns días despois destas declaracións foi cesado fulminantemente.

Tamén foi director de El Sol e colaborador en medios como Tiempo, La Vanguardia, Cinco Días, El Siglo, Telecinco, Cadena Ser, TVE e La Sexta. Dende setembro do 2015, é presidente editor do semanario Ahora. A liberdade de prensa e a independencia dos medios foron e son unha constante en toda a súa traxectoria.

Miguel Ángel Aguilar sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014) e Jordi Évole (2015) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 3 de maio de 2016
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia