Todas as novas

Militar no xornalismo

O xornalismo é un oficio, un labor artesán. En esencia, todo se fai a man. É, logo, necesario un activismo xornalístico ou, como noutros oficios, abonda un correcto desenvolvemento profesional? Para falar de xornalismo e non de comunicación, da elaboración de contidos, é preciso o activismo. É necesario militar no xornalismo, no seu obxectivo último, mellorar a sociedade denunciando o que está mal. Porque é un servizo básico, como as urxencias e o transporte, e nas folgas se cobre con servizos «máximos».

Nestes últimos anos, o xornalismo non quedou á marxe nin da crise económica nin do deterioro das institucións. Como é sabido, no primeiro caso resultou en despedimentos, precarización ou desprotección laboral dos traballadores dos medios; males que xa parecen endémicos nesta profesión e para os que non hai visos de solución. Mais esta situación de erosión do mercado de traballo non se pode explicar en toda a súa dimensión de xeito illado. Á vista da actual conxuntura do noso sistema político, e tendo en conta que o xornalismo é un piar determinante para o correcto funcionamento da democracia, pode dicirse que, certamente, se ten producido unha mala praxe xeneralizada por parte da prensa.

Ben por acción, ben por omisión e censura mediante, medios e xornalistas non teñen estado á altura do que esixe a sociedade. Fallouse na misión de control ao poder e na de darlle voz aos que non a teñen, tamén na relación con outras disciplinas ou á hora de contextualizar temas complexos e fuxir do mero espectáculo. O resultado disto é un oficio profundamente individualista, desacreditado no seu conxunto e, en consecuencia, falto de autoestima. 

Escribía o ano pasado no seu manifesto o gañador desta edición do Premio José Couso, Xosé Hermida: «a marabilla de ser xornalista é que che permite cambiar o mundo». Un bo compromiso, en todos os sentidos. Pode que sexa moi difícil de cumprir, pero existe a obriga de intentalo. 

Militemos no xornalismo, militemos na defensa da dignidade humana, na descuberta de historias, en afastar a ignorancia e a indiferenza, en indagar na dúbida razoable, en fomentar a crítica e a loita contra a corrupción. Militemos contra o actual retroceso nas liberdades, incluídas a de prensa e expresión, que supoñen unha grave agresión contra a razón de ser deste oficio. A empresa é, como se ve, xigantesca, pero calquera outra motivación que guíe o exercicio desta profesión non só non é xornalismo, senón que supón unha fraude. 

Valeria Pereiras
Xornalista e colexiada do CPXG