Todas as novas

O Colexio de Xornalistas protesta pola impunidade na morte de Couso

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) protesta pola impunidade na que pode quedar a morte do cámara galego de Telecinco José Couso despois de que Audiencia Nacional revogase por segunda vez o procesamento contra tres militares estadounidenses e ordenase o peche do caso. O CPXG entende que é unha mala noticia para a liberdade de prensa a nivel mundial que a morte dun xornalista desprazado a un conflito bélico quede impune, nomeadamente cando se atopaba no hotel empregado pola prensa internacional para a cobertura do ataque sobre Bagdad.

A Xunta de Goberno chama a atención sobre o feito de que o auto conceda maior credibilidade ó informe do Mando Central Norteamericano ca ás testemuñas españolas, en especial cando estas son catro xornalistas.

O CPXG quere valorar ademais o esforzo realizado polo xuíz instrutor, Santiago Pedraz, que investigou a morte de José Couso e que tratou de que os seus responsables cumprisen condea polos seus actos.

José Couso Permuy (Ferrol, 1965), licenciado en Ciencias da Información e Ciencias da Imaxe pola Universidade Complutense de Madrid, faleceu o 8 de abril de 2003 durante a invasión de Irak cando un carro de combate de Estados Unidos disparou contra o Hotel Palestine de Bagdad, no que se atopaba.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) entrega anualmente o premio á liberdade de prensa que leva o nome de José Couso, coa colaboración do Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)