Todas as novas

O Consejo de Informativos de TVE gaña a VIII edicion do Premio José Couso

O Consejo de Informativos de TVE proclamouse gañador do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que, por oitavo ano consecutivo, organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e que conta coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’. O fallo deuse a coñecer o 26 de abril na Sala de Prensa do Concello de Ferrol nun encontro no que se anunciou tamén que os actos de entrega terán lugar o vindeiro 9 de maio no Teatro Jofre.

Baixo a presidencia do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o secretario do premio, Dario Janeiro, deu lectura a acta, non sen antes lembrar o apoio da organización á familia de José Couso. O notario Hector Pardo deu fe do reconto de votos do premio o pasado venres 20 de abril, resultando elixido, con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado, o Consejo de Informativos de TVE. A súa presidenta, Yolanda Sobero, confirmou a asistencia aos actos de entraga o vindeiro mércores 9 de maio.

A continuación realizou a súa intervención o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, que comezou cunha reflexión sobre estes tempos nos que tantos xornalistas se atopan no paro, para informar deseguido do programa de actos da entrega do premio, que comezará ás 19:45 do 9 de maio coa ofrenda floral na estatua das Ás Ceibes, no Canton de Molíns, tendo lugar a continuación o tradicional Concerto da Liberdade no Teatro Jofre. Morales destacou o feito de que en Europa só se celebren dous concertos deste tipo, en Ferrol e Frankfurt.

José Carlos Cobas, director de Area de la Caixa, sinalou a continuación que o fin da Obra Social de la Caixa é o de devolver á sociedade a confianza que os seus clientes depositan neles con fins sociais e culturais. Cobas aproveitou a ocasión para mostrar o recoñecemento da entidade polo labor dos xornalistas, exercido a pesar das dificuldades cos que os profesionais se atopan en ocasións.

Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, salientou o feito de que "o consello de informativos é un órgano que nos defende incluso das propias empresas". Pereiro lembrou que a liberdade de prensa non é o dereito dos medios para dicir o que queiran, senon que significa o dereito dos cidadáns a recibir unha información plural e contrastada. Neste sentido, os consellos de informativos "son a salvagarda dos xornalistas cando consideran que as directrices empresariais vulneran a deontoloxía persoal e profesional". Considerou que o premio é un chamamento a manter a independencia profesional e tamén "á necesidade da valoración e da existencia dos medios públicos". O decano recordou tamén que a escolla do gañador é unha elección democrática dos xornalistas do CPXG e do Club de Prensa de Ferrol.

Finalmente, pechou o acto o alcalde de Ferrol, quen destacou os méritos de todos e cada un dos candidatos e felicitou o gañador.

Unha das candidaturas presentadas homenaxea a todos os xornalistas que levan a cabo a súa labor de informar en Siria, país catalogado actualmente como o segundo máis perigoso do mundo. Xunto a esta candidatura conxunta, estaría a de Iñaki Gabilondo, cunha ampla e salientable carreira profesional, e o xornalista marroquí encarcelado por defender a liberdade de expresión Rachid Nini. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta entre os preto de 1.200 colexiados/as do CPXG e asociados/as do Club de Prensa.

O Consejo de Informativos de TVE é un órgano de participación destinado a garantir o control interno, a defensa da independencia profesional, a promoción da independencia editorial e o amparo dos profesionais da información da Corporación RTVE. É unha conquista histórica dos profesionais de RTVE, recoñecidos pola Lei 17/2006, que configura o servizo da radio e televisión estatais como un servizo esencial para a vida democrática.

En setembro do pasado ano o Consejo de Informativos de TVE rexeitou e reprobou a decisión adoptada polo Consello de Administración para que os seus membros teñan acceso directo ao sistema de traballo da redacción de informativos. Ante este pronunciamento, o Consejo de Administración de RTVE revocou a súa decisión.

A semana pasada, o actual goberno aprobaba un real decreto que permite nomear ao presidente de RTVE por maioría absoluta, eliminando a necesidade de facelo mediante a maioría cualificada. O Consejo de Informativos de TVE mostrou a súa preocupación xa que considera que fai perigar a independencia da corporación.

Co Consejo de Informativos de TVE xa son oito os galardoados co Premio das Ás Ceibes. Ademais da organización de Julian Assange, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010) e WikiLeaks (2011).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.