Todas as novas

O Consejo de Informativos de TVE, Iñaki Gabilondo, Rachid Nini e os xornalistas que informan do conflito sirio, candidatos ao VIII Premio José Couso

Catro candidaturas concurren este ano á VIII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol e que conta coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’, que este ano se incorpora ao certame. Os candidatos propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades relacionadas coa comunicacon son o Consejo de Informativos de TVE, Iñaki Gabilondo, Rachid Nini e a candidatura conxunta dos xornalistas que informan do conflicto sirio. Dende hoxe ábrese o prazo de votacións para que os colexiados do CPXG e asociados do Club de Prensa de Ferrol elixan ao gañador, que se dará a coñecer o 26 de abril.

Sobre os candidatos

A candidatura do Consejo de Informativos de TVE pretende recoñecer a defensa da informacionde veraz e de calidade nos medios públicos, concretada neste órgano de control interno, de defensa da independencia profesional e editorial e de amparo dos profesionais da información da Corporación RTVE, recoñecido pola Lei 17/2006.

Iñaki Gabilondo é unha referencia imprescindible no xornalismo español das últimas décadas. Comezou a súa carreira profesional, longa e fructífera, con 21 anos en Radio Popular. Dirixiu e presentou durante anos o programa Hoy por Hoy da cadena SER, e dirixiu os informativos nocturnos de Cuatro e CNN +. Obtivo decenas de premios, entre eles seis premios Ondas, o Ortega y Gasset ou a medalla de ouro ao mérito no Traballo.

O xornalista e director do diario marroquí Al Massa, Rachid Nini, foi condenado o 9 de xuño de 2011 polo Tribunal de Primeira Instancia de Ain Sba, en Casablanca, a un ano de cárcere por "menoscabar unha decisión xudicial", "tentar influír na xudicatura" e "informar sobre delitos falsos". O xornalista, unha das poucas voces críticas no panorama de medios de comunicación marroquís, denunciou nas súas columnas, as inxustizas, a represión e a corrupción das elites.

A cuarta candidatura pretenden recoñecer o traballo que están a realizar os xornalistas que informan do conflito sirio que xa se cobrou douas vidas a da reporteira do Sunday Times Marie Colvin e ao fotógrafo francés Rémi Ochlik, colaborador da revista Paris Match. Edith Bouvier, William Daniel, Paul Conroy, Javier Espinosa foron algúns dos xornalistas que se viron atrapados na cidade de Homs durante as revoltas. Esta candidatura quere facerse extensible aos Comites Locais de Coordinación que naceron espontaneamente e están formados por activistas a favor dos dereitos humanos e xornalistas locais que informan desde a maioría de cidades e pobos de Siria.

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata ás 19:00 horas do 18 de abril na intranet de www.xornalistas.com. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.com.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa en Ferrol o 26 de abril. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, de Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o 9 de maio en Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. A Obra Social ‘la Caixa’ colabora dende este ano na iniciativa. As sete edicións anteriores foron para a organización WikiLeaks (2011), os xornalistas Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), a catalana Rosa María Calaf (2009); o xornalista valenciano Vidal Beneyto (2008); o xornalista estadounidense Jon Lee Anderson (2007); o xornal francés Le Monde Diplomatique (2006) e o xornalista marroquí Ali Lmrabet galardoado na primeira edición en 2005.

Toda a información sobre o premio e as memorias cos datos dos candidatos están dispoñibles en www.xornalistas.com/couso.