Todas as novas

O Supremo revisa o arquivo do caso aberto pola morte de José Couso

Os irmáns, amigos e compañeiros de José Couso concéntranse ante o Tribunal Supremo, que se reúne para decidir se a xustiza segue investigando a morte do cámara de Telecinco. Os convocantes do acto esperan que o Tribunal Supremo acepte o recurso de casación presentado contra a decisión da Audiencia Nacional de arquivar a querela que promoveu a familia Couso coa intención de investigar "o asasinato do cámara de televisión, cometido en Bagdade polo Exército estadounidense o 8 de abril de 2003 durante a invasión de Iraq".

Segundo os convocantes, o Tribunal Supremo ten unha "excelente oportunidade" para "emendar as erróneas decisións inspiradas polo Ministerio Fiscal e adoptadas pola Sala do Penal da Audiencia Nacional, que considerou que carecía de xurisdición para xulgar o crime de guerra do que foi obxecto José Couso, e que decidiu o arquivo da querela".

Os familiares e amigos de Couso consideran que o Supremo tamén deberá aclarar os, ó seu xuízo, "delirantes argumentos esgrimidos pola Audiencia Nacional", que cualificou de "'acto de guerra contra inimigo erroneamente identificado' o ataque contra o Hotel Palestina -lugar libre de soldados por interesarlle ó réxime de Sadam Hussein e coñecido por todos os habitantes deste planeta por se aloxar nel a prensa internacional-, onde morreron Couso e Taras Protsyuk, cámara da axencia Reuters".

Consideran que a admisión do recurso polo Tribunal Supremo satisfaría "os máis simples anhelos de Xustiza perseguidos polos familiares de Couso e para achandar o intricado camiño que seguiu este procedemento xudicial desde a presentación da querela a finais de maio de 2003".

Por outro lado, amigos e familiares de José Couso convocaron para o próximo venres, día 8, unha concentración ante a embaixada dos Estados Unidos en Madrid, que comezará ás 20.00 horas.

Le a nova en castelán en EL MUNDO.

MADRID
EL MUNDO / SERVIMEDIA