Todas as novas

O Supremo revisará mañá o caso da morte de José Couso

O Tribunal supremos vai revisar mañá o sobresemento da causa aberta na Audiencia Nacional pola morte do cámara de Telecinco José Couso. O profesional faleceu nunha acción contra o hotel Palestina o 8 de abril de 2003, durante a invasión de Bagdag por parte do Exército estadounidense. A familia do cámara de Telecinco recorrera ante o alto tribunal o auto de Sala do Penal da Audiencia Nacional de 23 de outubro de 2009, que confirmou a conclusión do sumario como consecuencia de acordar, uns meses antes, a revogación do procesamiento do sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip Camp, acusados de provocar a morte do cámara.

O instrutor da causa na Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, acusaba aos tres norteamericanos da comisión de delitos de homicidio e contra a comunidade internacional, pero a Sala concluíu que a investigación non lograra obter datos relevantes que permitisen seguir coa tramitación do procedemento, polo que decretou a conclusión do sumario e o sobresemento provisional do asunto.

Pedraz aseguraba no seu auto de procesamiento que Gibson foi "a persoa que deu a orde directa de disparar" sen que conste "a existencia de 'francotirador' ou 'observador' ou 'observador inimigo' nin disparo algún, anterior ou posterior aos feitos, procedente do tellado e outra parte do Hotel Palestina, contra as tropas norteamericanas".

José Couso era "persoa protexida", segundo o Convenio de Xenebra

Recordaba igualmente que Couso era, en aplicación do Convenio de Xenebra e da lexislación española, "persoa protexida" e engadía que as partes contendentes nun conflito armado están obrigadas sempre a distinguir entre poboación civil e combatentes. "A forzas militares norteamericanas tiñan coñecemento de que o Hotel Palestina era e atopábase en zona civil e non era obxectivo militar e que, ademais, estaba ocupado por poboación civil e xornalistas", afirmaba o xuíz Pedraz.

No entanto, a Sala entendeu que ningunha das dilixencias practicadas por Pedraz tiña o peso suficiente como para xustificar un procesamento dos militares. Así, concluíu que non se podía negar a existencia de francotiradores no Hotel Palestina porque, segundo o testemuño prestado polos xornalistas Jon Sistiaga, Olga Rodríguez e Jesús Hernández Quiñonero, non parece "descartable que se coase algún sen control".

En canto á declaración prestada pola ex sarxento Adrianne Kinne, que realizou escoitas das comunicacións mantidas polos tres militares e o seu mando, o auto que revogou o procesamiento dos militares aseguraba que o seu testemuño revestiu "unha dubidosa validez procesual" xa que "a intervención das comunicacións que levaba a cabo non era legal ou quebrantaba a Lei e a Constitución".

Tratábase da terceira vez que a Sala do Penal rexeita a continuación da causa logo de dous distintos procesamientos ditados por Pedraz en maio deste ano e en abril de 2007.

No seu primeiro rexeitamento, a Sala do Penal decretou o arquivo da causa o 10 de marzo de 2006, ao considerar que os feitos non foron constitutivos de delito e que os soldados levaron a cabo "un acto de guerra" con fatais consecuencias. O recurso dos familiares de Couso ante o Tribunal Supremo, facilitou a reapertura, que é o que se pretende con este novo recurso.

XORNAL