Todas as novas

Para afastar as sombras

Cando daba os seus primeiros pasos a instalación das novísimas técnicas de elaboración, impresión e difusión de palabras e imaxes nacía o CPXG. Alboreaba o ano 2000 abaneado polos efectos derivados das novas tecnoloxías da comunicación e da información, dun novo paradigma. Outras innovacións foran aplicadas esforzadamente en fases anteriores no exercicio e na proxección/difusión do xornalismo, oficio serio sometido tamén antano a dificultades de toda caste. 

O sector da comunicación acusaba a perversa influenza dalgúns aventureirismos financeiros e asistía á eliminación de postos de traballo, á precarización progresiva dos realmente existentes e á conseguinte deterioración profesional, signo dos tempos acentuado pola crise xeral por algúns descuberta na altura do 2008 e por outros aproveitada para continuar unha globalidade financeira orientada cada vez máis ao deseño dunha economía e unha sociedade duais. 

¿Unha sociedade máis e mellor informada? Está por ver.

Na altura do 2013 tiven ocasión de lembrar, nesta sinalada data, que algo iba mal, tamén no xornalismo. Aludín daquela a carencias observadas na materialización da información, na banalización de moitos contidos, nomeadamente audiovisuais, nos procesos de concentración mediático-financeira, que sitúan o negocio cada vez en menos mans. Non vexo mellora, mais ben incertezas.

Un manexo económico que, de ganchete con outros poderes, non está a favorecer precisamente a difusión dunha información crítica, senón o acomodo á espectacularización como chamada e reclamo para unha sociedade continuamente sacudida por unha fervenza de dixomedíxomes, agora tamén posverdades mentireiras. Todo mesturado coma se dunha grande e irrespectuosa vidreira dos cambalaches se tratara.

Non van nada ben, non continúan nada ben, as cousas á espera dun novo modelo de negocio que se demora no ámbito da empresa privada editora/emisora e seguen mal nos entes viciados e servís do mal chamado sistema público de comunicación, que, dun xeito ou doutro, adoita escribir o termo público co “p” de partidista, de partido gobernante, por máis señas.

E velaí as compañeiras, os compañeiros xornalistas, secundarios protagonistas -é o noso papel- dun oficio moi serio, capeando os temporais, no medio do atafego pola multifunción, da ameaza da precarización que non cesa -nin tampouco a ìnsoportable discriminación salarial e profesional das compañeiras xornalistas- e certa inevitable insatisfacción polo resultado do traballo.

Tempos sombríos que ven espesar as sombras con lexislacións limitadoras, propostas para multiplicar mordazas con calquera pretexto que sirva de gancho para limitar as liberdades de todos.

¿Qué facer diante deste estado de cousas?

Pois primeiro  intentar contalo e, sempre, denuncialo e combatilo.

Ben sei que todo resulta algo máis ca complicado e que son poderosos os intereses sempre propicios ao mantemento do statu quo, pero eso é o que están a facer as compañeiras e os compañeiros que lle dan vida, forza e continuidade ao CPXG, cumpridos os seus primeiros 18 anos.

Ben sei que para alguén todo pode ser pouco, pero nada se logra sen esforzo continuado e cabal esforzo hai neste noso Colexio que nos convoca, acolle e ampara.

Que nos convoca ao abeiro da memoria de José Couso, do seu asesinato esquecido pola xustiza, o mesmo que outros atentados contra xornalistas -nove asasinados hai poucas horas en Afganístán- accións que ensanguentan a crónica da actualidade, ennegrecendo o entorno dun oficio de alto risco.

Sucede que este oficio serio consistente en informar e servir á cidadanía, titular e depositaria dos dereitos e das liberdades imprescindibles para o cabal funcionamento dunha sociedade libre e democrática, necesita das complicidades desa sociedade, dos seus representantes e dos poderes que dela emanan para ir compoñendo un outro modelo de comunicación. Para abrir mellores posibilidades á información, que agora algúns parecen confundir co impacto do ruído e a furia de boa parte das redes sociais e das corralas de debate dalgúns platós televisivos.

Ben sei que todo urxe nunha profesión case sempre marcada pola urxencia. Tamén, xaora, pola precariedade, xa coñecida tamén en tempos de supostas vacas gordas.

Mais por todo eso é necesario proseguir o compromiso de servizo á profesión, á liberdade e á sociedade, desde a dimensión ética que considera a dignidade da persoa. É necesario seguir ese camiño, na seguridade de que a tarefa é imprescindible nunha sociedade aberta. Vai de seu o servizo a Galicia, á súa lingua, á súa cultura, ás súas realidades e potencialidades.

Hai que continuar esa dura e longa carreira de fondo que é o xornalismo, sempre necesitado de relevos e asistencias. Tamén de autocrítica e, sempre, de atentas escoitas e de miradas e relatos debidamente contrastados.

Necesitado asemade das contribucións exemplares de quen recibiron este premio, valiosamente inmaterial, que leva o nome do noso lembrado José Couso.

Contribucións como a que nos serve cada serán na antena de Onda Cero a  compañeira Julia Otero, premiada nesta XIV edición. Nese seu exemplar compromiso xornalístico-radiofónico e libertario podemos encontrar argumentos para continuar, para orientar os esforzos cara ao mellor xornalismo, para intentar superar dificultades e vencer limitacións e ameazas.

Deixou escrito o poeta Uxío Novoneyra “…E inda é nova a terra”, poema dun só verso evocador de futuro.

E inda é novo o xornalismo, quen de dar conta do que pasa na terra e nas estrelas neste novo escenario, novo desafío, acentuado pola aceleración dixital.

Grazas polos traballos e polos compromisos asumidos, compañeiras e compañeiros do CPXG. E ánimo para proseguir. Que non falte a esperanza celta que nunca se cansa.

Grazas ao CPXG por eses seus compromisos irrenunciables na defensa de dereitos e liberdades desde a súa posta en marcha hai agora 18 anos.

Longa vida e que o ar da liberdade nos acompañe sempre.

Xosé María García Palmeiro
Xornalista e primeiro Decano do CPXG (2000-2004