Todas as novas

Pedraz procesa de novo aos tres militares de EEUU pola morte de Couso

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz volveu a procesar ao tenente coronel Philip de Camp, ao capitán Philip Woldford e ao sarxento Thomas Gibson pola comisión dun delito contra a comunidade internacional. Os dous primeiros oficiais autorizaron o 8 de abril do 2003 un ataque contra o hotel Palestina de Bagdade. O sarxento Gibson efectuou desde o seu carro de combate un disparo contra o hotel que causou a morte dos cámaras de televisón José Couso e Taras Protsyuk e feriu de gravidade a outros tres xornalistas.

Esta é a segunda ocasión na que o xuíz Pedraz procesa aos tres militares por estes feitos. O 13 de maio de 2008, a Sala do Penal da Audiencia Nacional deixou sen efecto o primeiro procesamiento e as ordes de prisión que o maxistrado ditara contra os tres militares. A Sala, a instancias da Fiscalía, considerou entón que a investigación non deitaba suficientes indicios para acordar esas medidas. A Sala instou ao xuíz a proseguir coa tramitación do sumario.

Neste último ano, o xuíz Pedraz practicou unha decena de novas dilixencias, entre elas os interrogatorios dos entón ministros de Asuntos Exteriores, Ana de Palacio e de Defensa, Federico Trillo. Este último chegou a declarar -por escrito- que ata no caso de que en hotel Palestina houbese fedayines irquíes, o ataque non estaría xustificado dada a presenza de centenares de xornalistas.

Nesta liña, o xuíz volve insistir. Asegura que os Convenios de Xenebra e da Haia establecen que os xornalistas forman parte da poboación civil nun conflito bélico e, segundo estes convenios, son persoas protexidas.

O maxistrado afirma que outros novos testemuños recollidos neste último ano, como o da ex sarxento norteamericana Adrienne Kinne, pon de manifesto que o Exército de EEUU coñecía perfectamente que no hotel Palestina só había civís.
Segundo esta ex sarxento, destinada á Intelixencia Militar durante a guerra de Iraq, EEUU non só sabía que no Hotel Palestina estaban os xornalistas que cubrían o conflito, senón que, ademais, lles tiñan intervidas as conversacións telefónicas.

Sen prisión, de momento

Santiago Pedraz volveu a procesar aos tres militares pero nesta ocasión, o maxistrado non ordenou prisión nin librou ordes de busca e captura contra eles. Esta vez, o xuíz vai esperar a que o auto sexa firme. Sabe que a Fiscalía volverá recorrer esta decisión e prefire esperar que a Sala do Penal da Audiencia déalle a razón antes de volver adoptar unha medida tan drástica.

JULIO MULEY