Todas as novas

Wikileaks gaña a VII edicion do Premio José Couso

WikiLeaks proclamouse hoxe gañadora do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que, por sétimo ano consecutivo, organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Novacaixagalicia. O fallo deuse a coñecer esta mañá na Galería Sargadelos de Ferrol nunha rolda de prensa na que se anunciou tamén que os actos de entrega terán lugar o vindeiro 5 de maio no Teatro Jofre. O acto comezou coa intervención do presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, que sinalou que a data para realizar o fallo do premio escolleuse por se facer hoxe oito anos do asasinato de José Couso. Nun día coma hoxe, Morales sinala, que aínda non se condenaron aos culpables a pesar dos esforzos da familia. Antes de dar paso á lectura da acta do fallo do premio, o presidente do Club de Prensa emprazou aos presentes para o 5 maio, data na que se celebrarán os actos de entrega do certame.

Darío Janeiro, cono Secretario do Premio, comezou a súa intervención lembrando que hoxe se cumpren oito anos do asasinato de José Couso e o do seu compañeiro, Taras Protsyuk. "A organización quere volver a respaldar, públicamente, a impresionante loita que está realizando a familia de Couso para esclarecer este crime", sinalou.

Janeiro deu lectura da acta, asinada polo señor notario D. Héctor Pardo García do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, co número 1.170. Abertos e recontados os votos, este levantou acta do resultado entre os catro candidatos que optaban ó galardón, resultando gañador do premio a organización WikiLeaks. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta polos colexiados/as do CPXG e polos asociados/as do Club de Prensa.

O Secretario do Premio fixo unha mención especial ás cinco candidaturas deste ano, que, como sinalou, "fan que nos sintamos especialmente orgullosos do premio". "Cesar Hildebrand, o xornal La Repubblica, Rosa María Molló, Ana Pastor e a organización WikiLeaks, a todos eles, e aos que cada día realizan o seu traballo en condicións de risco dende o anonimato, queremos renderlles unha vez máis a homenaxe que merecen por ser os que cada día defenden, en grandes e pequenos xestos, a liberdade de prensa". "Esta homenaxe, continuou, "é tamén extensible a aqueles xornalistas que seguen a desenvolver o seu traballo nunha situación de crise económica global, de fonda crise no sector dos medios de comunicación, nunha situación de degradación continúa das condicións laborais".

A continuación, o director territorial de Novacaixagalicia en Ferrol, Angel Martínez Moar, quen quixo reafirmar o compromiso da entidade co Premio José Couso, un certame que apoiaron dende o seu nacemento. Salientou o traballo que realiza o Colexio Profesional de Xornalistas para dignificar unha profesión cada vez máis castigada. Moar sinalou que a colaboración entre as dúas entidades non se queda só neste certame, xa que fai uns días presentouse a segunda edición do Premio A Imaxe de Galicia co que se busca recoñecer o traballo dos fotoxornalistas galegos. Rematou facendo mención aos diferentes proxectos que a Novacaixagalicia ten nun marcado compromiso co xornalismo, coma o Xulio Camba ou o Francisco Fernandez do Riego.

O acto rematou coa intevención do decano do CPXG Xosé Manuel Pereiro que quixo reiterar o agradecemento a Novacaixagalicia polo seu apoio ao Premio José Couso. Sinalou que WikiLeaks é unha revalorización do que é o xornalismo que é o xornalismo de investigación. "Agora mesmo chámase xornalismo de investigación a aquela información que fai alguen contra alguén, cando a realidade é contar algo de alguén que non quere que se conte, isto é a esencia do xornalismo, e é o que fixo WikiLeaks".

WikiLeaks é unha organización internacional sen ánimo de lucro que foi creada en 2006 polo australiano Julian Assange, que ten por obxectivo proporcionar aos cidadáns noticias e informacións importantes que consegue grazas a filtracións ás que ofrece total anonimato e que publica a través do seu sitio web.

En outubro de 2010 Wikileahs fixo públicos os Documentos da Guerra de Iraq, pero é en novembro do mesmo ano cando se produce a maior filtración de documentos secretos da historia. Trátase dunha colección de 251.187 cables ou comunicacións entre o Departamento de Estado estadounidense coas súas embaixadas por todo o mundo que WikiLeaks proporcionou aos diarios The Guardian, The New York Times, Le Monde, El País e ao semanario Der Spiegel. Dende ese momento produciuse un bloqueo á web, unha campaña de desprestixio contra a organización e un intento de asfixia ás súas fontes de financiamento.

Con WikiLeaks xa son sete os galardoados co Premio das Ás ceives. Ademais da organización de Julian Assange, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e Novacaixagalicia organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 8 de abril de 2011
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia