Todas as novas

Xa está aberto o prazo para votar entre as oito candidaturas que optan ao Premio José Couso

Oito candidaturas optan á III Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. Os finalistas son César Hildebrant, Felipe Suárez, Gervasio Sánchez, Gorka Landaburu e o xornal Euskaldunon Egunkaria, Jon Lee Anderson, as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo, Tomás Alcoverro e Pedro Nolasco. Xa está aberto o prazo de votacións para elexir ó gañador, que se dará a coñecer o 10 de abril. A organización do premio quere salientar o alto número de candidaturas presentadas e o feito de que varias delas chegaran dende fóra de Galicia, o que da a entender a proxección que o premio está a ter dende a súa creación.

Sobre os candidatos

César Hildebrant é o xornalista de maior traxectoria, recoñecemento e credibilidade en Perú; Felipe Suárez, xornalista e presidente de honra da Fundación Galega contra o Narcotráfico, realizou numerosas campañas de sensibilización cidadá sobre o problema da drogadicción; Gervasio Sánchez leva traballando medio cuarto de século en zonas de conflicto de todo o mundo; a candidatura de Gorka Landaburu e do xornal Euskadunon Egunkaria preséntase como recoñecemento ó colectivo de xornalistas do Pais Vasco; Jon Lee Anderson é un destacado xornalista estadounidense do semanario The New Yorker; as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo recibiron a nominación pola súa visión particular e independente da Transición; o xornalista barcelonés Tomás Alcoverro é o correspondente do xornal La Vanguardia en Oriente Medio dende 1970; e, finalmente, o xornalista exiliado Pedro Nolasco, actual correspondente de RSF en Guinea Ecuatorial, é un activista comprometido ante os atentados contra a liberdade de prensa.

O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Desde o 13 de febreiro, poden emitir os seus votos por correo ordinario, que serán admitidos ata o día 22 de marzo (data de franqueo de correos). A solicitude de voto por correo ordinario remata o 1 de marzo. A continuación abrirase o prazo para a emisión de votos por internet, o 5 de marzo, mediante a páxina web do certame, en www.xornalistas.com/couso. As persoas que emitan o seu voto por correo ordinario fican automaticamente excluídas do voto por correo electrónico. Este péchase o 28 de marzo.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa o 10 de abril en Ferrol. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, creada por Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará no mes de maio en Ferrol.

Toda a información sobre o premio e as memorias cos datos dos candidatos estará accesible en www.xornalistas.com/couso.