Todas as novas

Xosé Hermida, gañador da XIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O xornalista galego Xosé Hermida é o gañador da XIII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. O fallo deuse a coñecer esta mañá no Centro Torrente Ballester de Ferrol. 

O acto contou coa participación de Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas e Jorge Suárez Fernández, alcalde de Ferrol. 

Francisco X. González Sarria, como presidente do premio, deu lectura á acta do fallo, asinada polo señor notario D. Antonio Fernandez Naveiro, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. Abertos os votos, e recontados polo notario, este levantou acta da repartición dos mesmos entre as seis candidaturas que optaban ao galardón. Como consecuencia deste escrutinio, resultou vencedora, con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado, a candidatura de Xosé Hermida. Como cada ano, a candidatura gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.

O decano do Colexio de Xornalistas destacou a alta participación dos xornalistas galegos nesta edición do premio Couso, que por primeira vez recoñece a traxectoria profesional dun galego que exerceu durante a meirande parte da súa carreira en Galicia. González Sarria expresou a súa convicción de que "neste caso, aparte da calidade profesional, estase a premiar a calidade humana, ambas indiscutibles".

Pola súa banda, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, sumouse ás felicitacións do decano, nun día como hoxe onde se lembra o asasinato de Couso. O alcalde da cidade, Jorge Suárez, agradeceu á organización o esforzo que realiza tanto o Colexio como o Club para organizar este certame en Ferrol. Lembrou que a reivindicación da Liberdade de Prensa tense que facer non só nos lugares de conflicto, senon en todos as lugares do mudo onde día a día os e as xornalistas desenvolven a súa labor.

O premiado

Xosé Andrés Vázquez Hermida (Boiro,1963) foi correspondente, subdelegado e finalmente delegado en Galicia de El País. Tras o peche da edición galega en 2015, sigue trabajando para El País en Madrid e, recentemente, é nomeado delegado en Brasil.

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago, comezou a execer o xornalismo en 1983, como correspondente de El Correo Gallego no Barbanza. Posteriormente incorporouse á redacción en Santiago, onde fixo reportaxes e información política. En 1986 gañou un dos Premios Galicia de Xornalismo no apartado de política. Estivo dous anos na Radio Galega, onde dirixiu o informativo da noite. A partir de 1989, comezou a traballar como correspondente de El País en Galicia, onde estivo ao frente da redacción galega do xornal entre 2008 e 2015. Despois incorporouse á redacción central en Madrid, onde exerceu de reporteiro na revista El País Semanal.

Dende o pasado febreiro é correspondente de El País en Brasil e responsable da edición dixital en portugués do xornal nese país. Cubriu os mellores anos do fútbol galego, época na escribiu o libro ’Arsenio, el fútbol de El Brujo’ e participou nas tertulias deportivas do programa ´La Ventana´, da Cadena SER.  Tamén formou parte da primeira Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con Xosé María García Palmeiro de decano.

Xosé Hermida sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015) e Miguel Ángel Aguilar (2016) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 8 de abril de 2017
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia