Todas as candidaturas

Daria Chultsova e Katerina Bakhválova

Candidatura na edición do ano 2021

Daria Chultsova e Katerina Bakhválova son dúas xornalistas bielorrusas de Belsat, condenadas este 18 de febreiro a dous anos de prisión por gravar as manifestacións en Minsk tras a morte dun mozo opositor en estrañas circunstancias. A súa condena significa un paso máis nos ataques do réxime de Belarús, que mantén outros once xornalistas encarcerados, á liberdade de prensa. 

Daria Chultsova, camarógrafa de 23 anos, e Katerina Bakhválova (coñecida como Katerina Andreieva), reporteira de 27, son dúas xornalistas bielorrusas que traballan para Belsat, unha canle independente de televisión dese país radicada en Polonia. O pasado 15 de novembro estaban a gravar a manifestación realizada en Minsk tras a morte do mozo opositor Raman Bandarenka, falecido en circunstancias non aclaradas tras sufrir un arresto de tres días por parte das autoridades.

Dez policías entraron no apartamento desde o que estaban a gravar e as dúas informadoras foron acusadas de dar cobertura a unha manifestación non autorizada, "coa axuda de teléfonos móbiles, cámaras, un trípode e chalecos de prensa". Aínda que nun principio recibiron sentenzas "administrativas de sete días de prisión por "participar" na manifestación, a policía abriu unha investigación criminal e iniciou un proceso penal que solicitou para elas até tres anos de cadea. 

Segundo a acusación, a emisión (en directo) da súa gravación tivo un “efecto chamada” sobre os opositores ao ditador Alexandr Lukashenko, que acudiron e se sumaron á manifestación, paralizando o transporte público e causando danos por 3.500€ á empresa municipal Minsktrans, que retirou a demanda civil interposta cando as familias de ambas as dúas mozas abonaron esa cantidade. A defensa insistiu na súa inocencia, dado que aquel día houbo unha caída de internet e non se puido retransmitir en directo nada, polo que non foi posíbel o "efecto chamada". Este 18 de febreiro, as dúas xornalistas eran finalmente condenadas a dous anos de prisión, unha sentenza que recibiu as críticas de toda a profesión a nivel mundial. 

Independentemente da estratexia que adoptara a defensa de Chultsova e Bakhválova, cómpre salientar que a liberdade de prensa non precisa de argumentos en segundo plano para defenderse. O seu exercicio non pode estar restrinxido máis que pola necesaria salvagarda de dereitos colindantes. Existira ou non a emisión en directo, a detención e condena destas informadoras baixo cargos criminais é unha aberración que representa unha escalada máis nos ataques á liberdade de prensa en Belarús, un dos países que máis ataca á información, e que ten outros once xornalistas encarcerados, segundo a Asociación de Xornalistas Bielorrusos.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.