Todas as candidaturas

Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi

O período de votación desta edición xa rematou

Nilufar Hamedi (esquerda) e Elahe Mohammadi (dereita) (Foto: Mehrdad Aladin/dpa/Alamy Live News)

Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi son dúas xornalistas iranianas coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini, a primeira desvelando a súa morte e a segunda cubrindo o seu funeral. A causa desas informacións, foron detidas e condenadas en 2022 a trece e doce anos de prisión, respectivamente, dos que cumpriron quince meses, tras os que saíron en liberdade baixo fianza coa prohibición de exercer a profesión.

Nilufar Hamedi (Babol, 1992) é unha xornalista do diario reformista iraniano Shargh. O 16 de setembro de 2022, conseguiu acceder ao Hospital Kasra de Teherán, onde se encontraba en coma a moza de 22 anos Mahsa Amini, logo de ser detida pola policía da moral por levar supostamente o veo de maneira "inadecuada". A foto que Hamedi sacou dos pais de Amini abrazados no hospital fixose viral durante as protestas que sucederon á morte da moza. Pola súa banda, Elaheh Mohammadi (Teherán, 1986) é reporteira de sociedade e temas femininos no xornal Ham-Mihan. En setembro de 2022, trasladouse a Saqqez para cubrir o funeral de Mahsa Amini e informou sobre o ataque da policía durante as honras fúnebres. 

A finais de setembro dese ano, ambas as dúas foron detidas no contexto dos disturbios que sacudían o país. A Elaheh Mohammadi aplicóuselle unha pena total de doce anos: seis por colaboración con Estados Unidos, cinco por conspiración contra a seguridade nacional e un por propaganda contra a República Islámica. Pola súa banda, Nilufar Hamedi foi condenada a trece anos: un máis que a súa compañeira por colaborar cos Estados Unidos, e a mesma sentenza polos outros dos delitos. As dúas foron encarceradas na prisión de Evin, coñecida por acoller a meirande parte de disidentes iranianos en prisión. 

O pasado 14 de xaneiro, tras numerosas protestas, foron postas en liberdade baixo fianza logo de pasar entre reixas 15 meses, pero coa prohibición de deixar o país ou exercer a profesión. Ao día seguinte da súa liberación, foron denunciadas por non levar o veo.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.